O BNG propón a insubmisión ante o reparto do teito de gasto de Montoro que afoga á CCAA e concellos

Ana Pontón critica a complicidade de Feijóo “cunha proposta centralista e inxusta que volve apertar o cinto aos galegos e galegas en sanidade, educación ou dependencia”

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “mundo ao revés” o resultado en materia de reparto do nivel de débeda e de déficit aprobados polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que hoxe serán ratificados nun consello de ministros extraordinario. “O Estado non ten competencias en sanidade, educación, servizos sociais e outras cuestións que inciden directamente na vida das persoas, pero ese aparello de Estado resérvase a maior capacidade de gasto por esa dobre vía, mentres afoga ás comunidades autónomas e aos concellos”, alegou.

Por “capricho” do señor Montoro, “ese especialista en amnistías fiscais ilegais”,- ironizou-, o Estado resérvase a maior parte da capacidade de gasto mentres que “continúa apertándolle o cinto aos galegos e as galegas en sanidade, educación, dependencia, entre outros, un disparate”, denuncia a dirixente do Bloque, que pide “insubmisión”.

“Non é lóxico que aquelas administracións que teñen un impacto maior na vida das persoas sexan precisamente as que se lle reduce a capacidade de acadar recursos para atender esas necesidades”, alega, por iso, “deberíamos declararnos insubmisos  fronte aos recortes que nos impón o señor Montoro, porque o que nos está pedindo e que sigamos apertándolle o cinto aos galegos e as galegas”.

Para o Bloque, hai que mudar un sistema que impón recortes na capacidade de actuación do Goberno galego a través deses corsés do déficit e a débeda pública, ao tempo que se reafirma na necesidade dun novo modelo de relación económica co Estado, o concerto económico, que daría a Galiza 3.500 millóns de euros adicionais

É insostible unha distribución do teito de gasto que penaliza ás administracións que teñen “un maior impacto na vida das persoas”, xa que resulta evidente que o reparto aprobado no CPFF “limita a capacidade dos gobernos autonómicos e dos concellos para incidir na prestación de servizos e nas medidas para fomentar a creación de emprego”.

Por contra, o que se aumenta é a capacidade do Estado para obter recursos adicionais para seguir pagando o rescate bancario ou incrementar o gasto militar con cartos públicos. “E unha decisión inxusta e centralista que vai contra os interese da maioría social”, mentres o presidente da Xunta “intenta convencernos de que este reparto é un bo negocio para Galiza, de novo poñendo os intereses do PP por diante dos da maioría social deste país”.

Comparecencia de Vázquez

A dirixente nacionalista tamén se referiu ao conflito do transporte público consecuencias da “cascada de decisión erróneas” adoptadas polo Goberno da Xunta, e avanzou que vai pedir a comparecencia en pleno da conselleira Ethel Vázquez que, á vista da situación orixinada, “demostra que non é unha boa interlocutora e que carece dun deseño de transporte público para Galiza”.

“O goberno está xestionando moi mal este asunto, poñendo en risco emprego, continuidade do emprego, das pequenas e medianas empresas galegas do sector, e as liñas de servizo de transporte público”, sintetizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG