O BNG propón a gratuidade dos libros de texto para alixeirar a carga familiar na volta ao cole

Encontro CIG-Ensino
Encontro CIG-Ensino

Pontón denuncia que os recortes de Feixóo elevaron a 752 euros o custe medio do inicio de curso escolar en Galiza, con salarios á cola do Estado

Atribúe a un “delirio autoritario” a intención do PP de limitar o uso das instalacións do Parlamento os grupos e colectivos sociais

Galiza era un dos territorios coa volta ao cole máis barata de todo o Estado, pero os recortes que chegaron da man do goberno de  Feixóo cambiaron esta situación polo que o Bloque presenta unha batería de medidas no Parlamento para alixeirar a actual carga económica que supón para as familias o inicio do curso escolar, cunha media de 752 euros nun país onde os salarios están á cola do Estado.

Entre esas medidas, o BNG  propón recuperar a gratuidade dos libros de texto ao 100%, que suprimiu o Goberno do PP. “As políticas de Feixóo implicaron unha asfixia do ensino público e en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros, pecháronse 136 escolas unitarias e 876 unidades, e neste curso hai menos docentes que antes da chegada do actual presidente da Xunta”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.

A estes datos súmanse os nefastos efectos da LOMCE en termos de desgaleguización, de deterioro dos dereitos de profesorado e alumnado, a tendencia cara un ensino elitista e clasista que perde o seu carácter laico e a perda de peso do galego na educación pública, tamén da man do “decreto da vergoña” aprobado polo PP que impide usar o idioma propio no ensino de materias como matemáticas, física ou química.

Por iso, o Bloque presenta na Cámara un conxunto de medidas que, ademais de recuperar a gratuidade dos libros de texto, tamén defende a redución da ratio de alumnado por aula en todos os niveis, propoñendo que non supere a cifra de 15 escolares na etapa infantil, 20 na etapa de ensino obrigatorio e 25 nos cursos de bacharelato, incluíndo ao alumnado que repita curso.

Ademais, a formación nacionalista insiste en derrogar a LOMCE en particular nos aspectos máis lesivos, demanda que cando menos a metade das materias se impartan en galego e que se suprima o decreto da vergoña e, no que se refire ao ensino universitario, propón incrementar o financiamento das universidades en 30 M€ á marxe da negociación para un novo plan de financiamento.

Todas estas iniciativas foron anunciadas pola líder do Bloque tras un encontro cunha delegación da CIG-Ensino, de Anpas Galegas e do sindicato estudantil Erguer.

Lei mordaza na Cámara

Na súa comparecencia ante os medios, a portavoz do BNG tamén fixo referencia ás normas de utilización das salas do Parlamento e sobre a vestimenta que pretende aprobar o PP.

A preguntas dos medios, Pontón atribuíu estas normas remitidas aos grupos por parte da Presidencia da Cámara a un “delirio autoritario do PP que confunde maioría absoluta con absolutismo”, tentando impoñer unhas normas que cualificou de  “lei mordaza tanto para os deputados e deputadas como para o conxunto da cidadanía á que, de prosperar, impediría expresarse con liberdade ou facer nada no Parlamento”.

“Demostra que o PP está nervioso e que ten medo tanto á actividade parlamentaria da oposición como a actividade da cidadanía, é un ataque á democracia propio de quen sabe que o está facendo mal e pediremos a retirada destas normas e, en caso necesario, estudaremos todas as vía necesarias para conseguilo”.

Pontón tamén considera unha “mala solución” o anuncio do presidente da Xunta de prorrogar os orzamentos de Galiza alegando a falta de Goberno no Estado. “Feixóo fai seguidismo de Casado na súa oposición ao Goberno de Sánchez por razóns de mero oportunismo político para o PP e aínda que sexa a costa dos intereses de Galiza”, criticou.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG