O BNG propón frear a plantación de eucalipto e incentivos para favorecer especies autóctonas

Eucaliptos. Flickr: @buho30
Eucaliptos. Flickr: @buho30

Mini advirte da posible implantación de pasteiras lusas como Navigator Company que pode disparar a eucaliptización en Galiza

O BNG propón unha moratoria na plantación de eucalipto e camiñar cara unha redución progresiva das hectáreas adicadas a esta especie pirófita, e solicita da Xunta incentivos para facilitar a súa substitución por plantacións autóctonas.

O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, fixo esta proposta no Parlamento, tras advertir que a posible localización de pasteiras lusas en Galiza, en concreto da multinacional Navigator Company, pode agravar o problema.

“Todo indica que imos a unha eucaliptización máis dura da que hai agora de confirmarse que a pasteira lusa instala aquí unha base de compras de madeira”, subliñou Rivas, “se instala aquí unha base de operacións o mercado manda e posiblemente teremos unha forestación de eucalipto maior e sen control, de tal xeito que cando se dan as condicións que se deron o 15-O, xunto con descerebrados que plantan lume, pois temos o desastre”.

Por contra, o Bloque propón parar a plantación de eucaliptos e camiñar cara unha  “regresión progresiva” desta especie “rendible a curto prazo pero que é unha barbaridade a medio prazo”, alegou o deputado, quen demandou fondos públicos para fomentar plantacións controladas e ordenadas na súa explotación. “Temos que apostar por un monte multifuncional e recuperar un rural vivo, que sexa un soporte alimentario de calidade desta sociedade”.

A iniciativa presentada polo Bloque na Comisión de Agricultura demanda do Goberno medidas para inverter o proceso de eucaliptización incentivando a substitución desta especie por outras de maior rendibilidade a longo prazo, no camiño de acadar un monte multifuncional e sostible con cultivos alternativos á pasta de papel. Igualmente, identificación e recuperación das terras agrarias ocupadas ilegal e irracionalmente por plantacións de piñeiros e eucaliptos.

O BNG lembra que o monte galego supera en 230.000 as hectáreas previstas no plan forestal da Xunta ata 2032,  mentres que no resto do Estado e países europeos fixeron un proceso de repoboación maioritariamente con especies autóctonas. En Galiza só 300.000 dos 8,2 millóns de metros cúbicos que se cortan son de madeira de calidade procedente de especies autóctonas.

Apoio á produción de castaña

Rivas tamén trasladou á comisión de Medio Rural o problema da praga que está afectando aos castiñeiros e a produción de castaña, un sector que definiu como “importante” por canto supón unha actividade económica moi significativa e contribúe a fixar poboación no medio rural, en particular en zonas moi despoboadas de Ourense e Lugo.

Aos danos causados polas xeadas súmase aos provocados pola nesperiña do castiñeiro, un insecto que está provocando graves prexuízos na produción de castaña, polo que Rivas solicitou á Xunta unha liña de axudas directas para os e as produtoras de castaña. En concreto, a iniciativa do Bloque propón establecer unha liña de axudas para inicio ou consolidación dos proxectos de desenvolvemento, transformación e comercialización da castaña, “nunha decidida aposta polo sector como factor de revitalización económica e demográfica de territorios deprimidos”.

En relación á loita contra a praga, o BNG solicita deseñar “un plan de choque a través de medidas de loita biolóxica continuadas para restablecer un novo equilibrio que salve do desastre ó sector do castiñeiro e da castaña”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG