O BNG propón ás forzas da oposición crear unha comisión de investigación do sinistro do Marisquiño

Luís Bará e Ana Pontón
Luís Bará e Ana Pontón

Ana Pontón critica o “espectáculo partidista de PP e PSOE” e reclama que  Feixóo compareza na Deputación permanente para dar explicacións das responsabilidades no accidente  

O BNG propón ás forzas da oposición crear unha comisión de investigación do sinistro do Marisquiño

A portavoz do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe ante os medios de comunicación acompañada do deputado por Pontevedra Luís Bará para reclamar unha resposta das institucións públicas sobre o sinistro do Marisquiño.

Despois de desexar unha pronta recuperación das persoas aínda afectadas polo derrube do paseo do Náutico e que a Consellería de Sanidade reforce a atención psicolóxica das persoas accidentadas, Pontón anunciou que o BNG remitiu unha solicitude ás forzas da oposición para crear no Parlamento unha comisión de investigación que esclareza as causas do accidente e depurar responsabilidades. Ademais, a nacionalista reclamou unha convocatoria urxente da Deputacións permanente no Parlamento galego na que o presidente da Xunta dea explicacións do acontecido no Marisquiño.

ESPECTÁCULO PARTIDISTA  DO PP E PSOE

Pontón cualificou de  “lamentable, penoso e unha falta de respecto ás vítimas” o “espectáculo partidista” que dende hai unha semana están a dar o Partido popular e PSOE na súa opinión,  máis interesados en buscar “un chibo expiatorio” que en asumir as responsabilidades do accidente. Unha vez máis, engadiu  a nacionalista, PP e PSOE están a demostrar a “súa incapacidade” para asumir con rigor e responsabilidade que cando sucede algo semellante, os máximos responsables políticos “teñen que dar a cara” e non seguir “botando balóns fora”.

Pontón pediu ao PP e PSOE recoñecer  con “madurez democrática” que se cometeron erros e que deben ser depurados. Neste sentido, asegurou que tanto o concello como a Autoridade Portuaria son responsables da xestión dese espazo, responsabilidade que estendeu á Xunta. As tres administracións, recalcou, non poden mirar para outro lado despois dun accidente que deixou case 500 persoas feridas.

A portavoz nacionalista lembrou que existe unha investigación xudicial pero  dende o ámbito da xustiza deben ser reforzados  os medios para que a resolución  non se demore como aconteceu noutros sucesos. Xunto as responsabilidades xudiciais, explicou, están as responsabilidades políticas na autorización do evento.  “O alcalde de Vigo, á cabeza, e o responsable da Autoridade Portuaria non poden eludir esas responsabilidade”. A Xunta, dixo, tamén coñecía o estado da zona e lembrou que é o “propio presidente da Xunta quen  propón e nomea ao presidente da Autoridade Portuaria”.

Pontón reiterou a necesidade de crear a comisión de investigación para esclarecer os feitos, convocar a Deputación permanente na que debe comparecer o Presidente da Xunta para explicar o accidente e aproveitar o pleno da Deputación Permanente para constituír a comisión de investigación co fin de chegar a propostas para que non se volva a repetir un accidente destas características.

A portavoz do BNG amosou a súa confianza no apoio das forzas da oposición ás propostas do BNG.

Pola súa parte, o deputado do BNG, Luís Bará asegurou que se sigue producindo “un colapso” nas institucións que non aceptan as súas responsabilidades e seguen “mirando para outro lado”. PP e PSOE utilizan esta liorta por “intereses partidistas” e coa súa confrontación política poñen “en perigo vidas humanas”, manifestou.

Bará destacou a existencia de denuncias previas sobre o estado do paseo derrubado e acusou á Autoridade portuaria de ser responsable do seu mantemento.