BNG propón declarar o litoral galego libre de parques eólicos mariños porque son incompatibles coa actividade pesqueira

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez destaca que non se pode arriscar o futuro dun sector clave para o País tanto en termos económicos, de emprego e de preservación do medio

Demanda do Goberno de Feixóo que, “por unha vez na vida”, exerza as súas competencias e encabece a defensa da pesca fronte ás multinacionais

BNG propón declarar o litoral galego libre de parques eólicos mariños porque son incompatibles coa actividade pesqueira

O BNG remitiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica un documento de consideracións ao Proxecto de real decreto para regular os plans de ordenación do espazo marítimo, -agora en tramitación e co que se pretende regular os parques eólicos mariños-, cunha conclusión clara: en Galiza a implantación de parques eólicos no litoral é incompatible coa actividade do sector da pesca e, por tanto, propón declarar a costa galega como espazo non acto para estas instalacións.

“A posición do BNG sobre este asunto é en primeiro lugar que considera inasumible a afectación que este tipo de instalacións teñen sobre a actividade do sector pesqueiro e, a segunda, que o Estado non pode facer normas obviando e menosprezando as competencias que ten Galiza en ordenación pesqueira, marisqueira e acuicultura mariña”, salienta a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez.

Pérez destaca a importancia estratéxica do sector pesqueiro, que constitúe a segunda actividade en volume de negocio despois da automoción. “Somos o País de toda a Unión Europea co litoral máis densamente aproveitado desde o punto de vista extractivo, polo tanto, cando se fala dos beneficios económicos e ambientais da eólica mariña, o BNG quere poñer en valor que Galiza xa ten un sector punteiro como é a pesca, parte central da economía e tamén do medio ambiente”, alega.

A formación nacionalista subliña que estamos ante un sector clave desde o punto de vista económico e social, cunha enorme capacidade de xerar emprego tanto directo como indirecto, e que iso debe prevalecer por riba dos intereses dun puñado de multinacionais.

“Nun momento en que a propaganda das multinacionais e dos gobernos está empeñada en convencernos de que a eólica mariña é a salvación de todos os nosos males, temos que poñer en valor o sector pesqueiro que é punteiro desde o punto de vista económico e do medio ambiente e que produce beneficios para todo un Pais e non só para catro grandes empresas”, argumenta a deputada de Ribeira.

Neste sentido, o BNG demanda do Goberno de Feixóo que exerza as súas competencias e encabece a defensa do sector. “A Xunta debe facer valer as competencias de Galiza por unha vez na vida e poñerse á fronte do noso sector pesqueiro e marisqueiro para impedir que as grandes eléctricas acaben por esmagalo todo, tanto na terra como no mar”, conclúe.

No documento de consideracións á normativa que ultima o MITECO, o Bloque tamén destaca a perigosidade que este tipo de instalacións engadirían á actividade pesqueira e ao transporte de mercadorías, especialmente as perigosas ou contaminantes.

Cos antecedentes da costa galega, “a posibilidade de incluír plataformas físicas ou áreas eólicas, que poidan modificar e concentrar aínda máis o tráfico marítimo comercial e pesqueiro fronte ao litoral de Galiza, influiría negativamente nos xa alarmantes parámetros de seguridade marítima”, explica o BNG.

A afectación sería enorme tamén para a acuicultura e para o marisqueo, tanto a pé como a frote, que se verían fortemente impactadas polas instalacións vinculadas aos parques eólicos, como por exemplo a extensión do cableado eléctrico por toda a zona marítimo-terrestre.

O Bloque destaca ademais as competencias que ten Galiza sobre o seu litoral, tanto nas augas interiores dentro da liña de costa, como nas doce millas, como nas 200 millas de zona económica exclusiva. En todo ese espazo, calquera instalación mariña require da autorización por parte do Goberno da Xunta, de aí a apelación ao Executivo de Feixóo para que exerza as súas competencias.

BNG propón declarar o litoral galego libre de parques eólicos mariños porque son incompatibles coa actividade pesqueira