O BNG propón dar voz no Parlamento a todos os colectivos que traballan pola discapacidade e a integración

Ana Pontón visita a ONCE
Ana Pontón visita a ONCE

Ana Pontón defende un pacto en accesibilidade e políticas de inclusión social que teñan como clave o emprego das persoas con diversidade funcional. Visita á delegación da ONCE en Galiza

O BNG propón a creación dunha comisión parlamentaria sobre discapacidade que teña carácter permanente e poda “dar voz” a todos os colectivos e asociacións que traballen a favor da integración social das persoas con algún tipo de diversidade funcional. Esta proposta, que a formación nacionalista trasladará ao resto dos grupos da Cámara, recolle a petición expresa formulada por entidades de longo percorrido social como a ONCE, con cuxa dirección territorial en Galiza se reuniu a portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz municipal da Coruña, Avia Veira.

“Imos defender que se cree esta comisión permanente”, salientou Pontón, tendo en conta que neste momento o Parlamento só ten en marcha unha comisión de estudio sobre discapacidade, “que esperamos teña o informe de conclusións listo neste ano para poñer o foco nos problemas e nas solucións” á problemática das persoas con necesidades especiais.

No encontro co delegado territorial da ONCE, Manuel Martínez, e co presidente do Consello territorial, Carlos Fernández, tamén se abordou o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade, que deixa en situación de “indefensión” ás persoas con algún tipo de discapacidade, temporal ou permanente, e tamén ás persoas maiores nun país cunha poboación moi envellecida.

“As leis non se cumpren, nin sequera en aspectos tan concretos como a eliminación de barreiras arquitectónicas”, salientou Pontón, quen propón un gran acordo entre todas as partes implicadas como os colectivos sociais afectados, os profesionais da arquitectura e do urbanismo, as forzas políticas e as administracións públicas para facer realidade o que está recollido na normativa de accesibilidade,  “e  conseguir unha sociedade máis inclusiva”.

De feito, o BNG advirte contra a creación de novas barreiras como pode ser a fenda causada polas novas tecnoloxías, senón se ten en conta aos colectivos con necesidades específicas como é o caso das persoas cegas ante o uso cada vez máis estendido de pantallas informativas sen elementos sonoros. “Isto fai que, por exemplo, unha situación tan común como a información de cando che toca entrar á cita médica sexa un problema para unha persoa invidente, e solucionar este tipo de situacións tan importantes na vida cotián é unha cuestión de vontade política”.

Para iso, “é preciso sensibilidade social e recursos económicos para proceder á supresión das barreiras arquitectónicas, porque é posible como demostran exemplos como o de Pontevedra. O digo sen autocompracencia pero con orgullo porque nesta cidade o BNG demostrou que se pode recuperar un entorno urbano desde a integración e a accesibilidade”, subliñou Pontón.

Auditoría da integración laboral

Outro dos aspectos abordados na reunión foi a inclusión laboral como elemento clave para acadar unha integración social das persoas con algún tipo de discapacidade. Neste sentido, a dirixente do Bloque propuxo realizar unha auditoría para determinar o grado de cumprimento da lexislación nesta materia, ademais de propoñer que todas as políticas de inclusión teñan como peza fundamental o acceso ao emprego das persoas con diversidade funcional.

“O acceso ao emprego é unha maneira de construír unha sociedade na que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades e desenvolver os proxectos vitais con normalidade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG