parlamento galego

BNG propón crear unha Unidade de Muller e Saúde para cambiar un modelo sanitario “desigual coas mulleres”

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado avoga por garantir a abordaxe de xénero na atención sanitaria e abrir liñas prioritarias de investigación en saúde da muller

BNG propuxo no pleno do Parlamento galego a creación dunha Unidade de Muller e Saúde co obxectivo de impulsar e coordinar unha estratexia que garanta a atención integral da saúde das mulleres.

“É preciso poñer lentes lilas para ter unha visión de xénero e cambiar un modelo de saúde desigual coas mulleres”, afirmou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat prado, na defensa dunha iniciativa que reivindica a mirada de xénero na enfermidade das mulleres e a necesidade dun diagnóstico diferenciado.

Logo de advertir que as diferenzas entre mulleres e homes non se reducen á saúde reprodutiva ou ás enfermidades xinecolóxicas, Prado puxo o foco nas múltiples doenzas que teñen unha maior prevalencia nas mulleres ou naquelas outras máis comúns que se manifestan con signos e síntomas distintos. “Queremos poñer o acento nos nesgos que condicionan o mapa de patoloxías, a investigación, a mirada clínica e a atención sanitaria das mulleres”, subliñou.  

Así, a proposta nacionalista avoga por que a Unidade de Muller e Saúde, que dependería da Consellería de Sanidade, planifique, coordine e impulse unha estratexia de atención integral na que se establezan liñas prioritarias de investigación en saúde da muller que permita avanzar no coñecemento das doenzas que afectan ás mulleres, revisar os patróns de síntomas e seguir a evolución das enfermidades (establecendo indicadores de xénero nos protocolos de autorización e validación de ensaios clínicos e liñas de investigación en doenzas con maior prevalencia entre as mulleres, como a fibromialxia, a endometriose ou as patoloxías endocrinas; ou realizando estudos para coñecer a actuación dos tratamentos en canto a eficacia e seguridade).

De igual xeito, Prado defendeu a incorporación do enfoque de xénero en todo o proceso de formación (tanto nos plans de estudos das profesións sanitarias, como nos programas formativos das distintas especialidades, así como na formación continuada dxs profesionais) e garantir a abordaxe de xénero na atención sanitaria (con atención específica ás patoloxías con maior prevalencia feminina; co reforzo da Atención Primaria para prestar unha atención integral á saúde sexual e reprodutiva ao logo de todo o ciclo vital e a incorporación á súa carteira de servizos das categorías de psicoloxía clínica e traballo social; a adecuación dos rateos matrona-muller tanto en Atención Primaria como na especializada; ou a creación do número preciso de unidades de chan pélvico ou un proceso garantido de atención e acompañamento á muller vítima de violencia de xénero).

 Ao fío deste necesario enfoque de xénero na atención sanitaria, a deputada exemplificou advertindo da distinta resposta de homes e mulleres a un mesmo fármaco; lembrando que o prototipo nos ensaios clínicos é “home, adulto en idade reprodutiva” e que as investigacións sobre enfermidades maioritariamente femininas como a endometriose, a fibromialxia ou a osteoporese son escasas ou nulas; recordando que as pautas farmacolóxicas realízanse en función do patrón masculino o que orixina que, con frecuencia, os efectos secundarios sexan maiores nas mulleres ou que a efectividade non sexa a mesma; ou recalcando que unha mesma enfermidade pode presentar síntomas distintos nas mulleres, pode responder diferencialmente aos tratamentos ou ter consecuencias distintas.

“Non ter isto en conta pode significar que os síntomas non sexan recoñecidos nin polas mulleres nin polxs profesionais e dar lugar a infradiagnósticos, diagnósticos tardíos ou inexactos en mulleres porque non responden ao patrón tipo”, explicou, para advertir tamén a continuación que nos distintos plans de estudos “non se contemplan as diferentes formas de enfermar de mulleres e homes, nin as diferencias no comportamento dos fármacos”.

Logo de arroxar distintos datos e exemplos sobre cada unha destas cuestións, Prado concluíu que existen nesgos de xénero que teñen un forte impacto sobre a calidade científica e a atención sanitaria á saúde das mulleres e reprobou no debate parlamentario a posición do PP, que finalmente vetou a iniciativa nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG