O BNG propón crear un órgano público para cumprir a lei de igualdade, a “Valedora da igualdade”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas reclama sancionar as empresas que vulneren a equidade salarial e os dereitos en materia de igualdade

A discriminación salarial provoca que  unha muller cobre 4.513 euros menos  que un home.

O BNG propón crear un órgano público para cumprir a lei de igualdade, a “Valedora da igualdade”

A deputada do BNG, Noa Presas reclamou crear un organismo público para vixiar o cumprimento da lei de Igualdade como ferramenta “Valedora da Igualdade”.

Na defensa da proposición non de lei nacionalista sobre as demandas en materia de igualdade e equidade salarial, Presas lembrou que o pasado domingo, día 4 de marzo,   milleiros de mulleres, e tamén de homes comprometidos coa igualdade, na manifestación en Vigo  deron unha mensaxe a Galiza e ao mundo: “O Parlamento galego non está a altura”.

Neste sentido,  lamentou que o debate acumulara catro iniciativas  que defendían propostas tan diferentes. Ás portas dun 8 de marzo   “histórico”,  estamos dando pasos de xigante na visibilización dos nosos problemas. Unha visibilidade que produce “moita  incomodidade” e mesmo  hai a quen lle está resultando difícil non quitar a carauta da  súa inacción nesta ámbito.

“Urxe deseñar unha folla de ruta  para avanzar na superación das desigualdades nun contexto onde a consolidación da precariedade introduce novas dificultades” recalcou a deputada.

PROPOSTAS DO BNG PARA IGUALDADE

Nesta liña,  reclamou  instar ao goberno galego a demandar do  Estado “responsabilidade” e compromiso firme para incluír sancións económicas no marco legal, “nun prazo de tres meses” e non seguir o exemplo de Mariano Raxoi máis partidario  de “no meterse en eso” cando lle preguntan sobre diferencia  salarial entre homes e mulleres.

Francia, Italia, Noruega ou Bélxica, explicou, xa  aplican sancións económicas e   Islandia deu  un salto cualitativo blindando por lei o combate á fenda salarial.

Todo o contrario, afirmou, do que nos ofrece o  PP no Estado e para  mostra, un botón,  “só o 0,1% das multas por inspeccións laborais no 2017 en todo o Estado foron por desigualdade, só 135 sancións” pero a  mesma desidia vémola  na  Xunta, a pesar de que o  “noso país é pioneiro en materia lexislativa pero  nin a Xunta a cumpre”.

“Propoñemos a creación dun organismo público que promova e vixíe o cumprimento da lexislación en materia de igualdade, unha ferramenta Valedora da Igualdade que traballe transversalmente pola eliminación das discriminacións”, reiterou.

FENDA SALARIAL

Por outra banda, lembrou que a fenda salarial do 28% provoca a fenda nas pensións, que chega ao 35% e tamén a discriminación salarial pola que unha muller  “cobra 4.513 euros menos ao ano que un home”.

 Galiza ten que escribir a súa propia folla de ruta, pero para facelo  debemos mirar outras experiencias do mundo que poden axudarnos a dar coas ferramentas axeitadas como o modelo sueco, referencia internacional, con  disposicións que centran os esforzos nos axentes sociais (empresariado e sindicatos) para acadar a igualdade.

Pero tamén  temos un exemplo máis cerca en Euskadi cunha  “Defensoría para a Igualdade de Mulleres e Homes de Euskadi  a través do Instituto Vasco da Muller”. É un órgano gratuíto de defensa para a cidadanía ante situacións de discriminación directa ou indirecta por razón de sexo no sector privado.

Para esta e outras cuestións propoñemos que a Xunta cree, “no prazo de tres meses, un organismo público para a defensa contra  situacións de discriminación laboral e para a promoción e vixilancia do cumprimento da lexislación, asesorando  dos  dereitos ás  mulleres no ámbito do traballo e para chegar  onde a inspección non chega.  Ademais de buscar  consensos, formación e boas prácticas no ámbito laboral.

PURITANISMO DO PP

Na replica,  a deputada do BNG, Noa Presas criticou o “puritanismo do Partido popular”, escandalizado porque o BNG utilice na súa campaña a expresión “até a cona”  para denunciar  o fartazgo das mulleres contra a  discriminación  salarial  e   loitar contra esa discriminación.