Galegas 2020

O BNG propón crear un “Amazon galego” como plataforma de venda online que axude ao comercio local do país

Comercio local
Comercio local

Ana Pontón compromete unha nova lei de comercio que recolla as demandas do sector en horarios, apertura de festivos e rebaixas

Moratoria ás grandes superficies, axudas directas para afrontar gastos polo confinamento e acceso a créditos, entre as medidas de impulso ao comercio local

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu unha tenda no ensanche de Compostela, -Matrioska A Reixa- para explicar as propostas do BNG para impulsar o comercio local e de proximidade, sector que considera estratéxico tanto desde o punto de vista económico e creación de emprego, pero tamén pola súa capacidade para dinamizar socialmente os barrios de vilas e cidades.

“Poucas imaxes son máis desoladoras que ver rúas enteiras cos baixos comerciais pechados e, por contra, vemos o dinamismo que teñen esas mesas rúas cando as tendas de barrio de todo tipo teñen a persiana levantada”, salientou, en relación a un comercio local que, pese a sofrer os embates da crise de 2008, -só nos últimos cinco anos pecharon 3.500 comercios en Galiza-, supón o 13% do emprego e o 14% do PIB galego.

O sector, indicou a líder nacionalista, enfronta agora as consecuencias da crise xerada polo coronavirus, empezando polas perdas e gastos derivados de tres meses de confinamento e coa persiana baixada, polo que o BNG propón unha estratexia de apoio con medidas de urxencia e medidas a medio prazo, tendo en conta retos como a venda online en auxe, salientou, tras a visita a un comercio local xunto coa coordinadora de campaña, Goretti Sanmartín.

Nas medidas a medio prazo, Pontón comprometeu unha nova lei de comercio que acabe coa invasión de competencias do Goberno central e que poña fin á actual normativa de liberalización de horarios que só beneficia ás grandes superficies. “Unha nova lei pactada co sector que recolla as súas demandas en materia de horarios, apertura de festivos ou para fixar o período de rebaixas, todo o que teña que ver co comercio no noso país porque creemos que hai que decidir desde cuestións todas que teñen un enorme impacto no éxito ou no fracaso do comercio local”.

Unha consecuencia do confinamento foi o auxe da compra online incluso entre consumidores e consumidoras que non tiñan este hábito de compra, unha tendencia que vai seguir medrando, e o BNG considera “vital” a modernización tecnolóxica do comercio local para que non perda posicións na venda por internet e poda sacar partido desa tendencia imparable.

Por iso propón crear un Amazon galega, unha plataforma galega de venda por internet con participación pública e do sector privado para que o comercio e os produtores locais teñan unha plataforma galega a través da que comercializar produtos de todos os ámbitos e sectores. Proposta que parte da reflexión de que non é intelixente darlle as costas a unha realidade que está aquí, pero sen someterse ás normas que fixa unha multinacional global, á que nada lle importa a viabilidade dunha tenda de barrio galega.

A formación nacionalista tamén considera necesario unha moratoria para que non se abran máis grandes superficies comerciais ao entender que Galiza é a día de hoxe “zona saturada” de grandes áreas comerciais.

En canto as medidas de aplicación inmediata, o BNG propón unha axuda directa de até 2.000€ con cargo aos orzamentos da Xunta, “para afrontar gastos nun contexto de baixada de ingresos e que se manterá porque é evidente que moitos galegos e galegos van ver recortada a súa capacidade de consumo”, salientou Pontón. Igualmente, permitir que os concellos invistan o 100% do superávit e conten con fondos para sufragar tamén medidas de apoio ao comercio local ou eximir do pago de taxas polas obras que se leven a cabo para adaptar os locais as novas condicións de seguridade sanitaria.

Tamén entre as propostas de urxencia, garantir ao comercio local financiamento en boas condicións para que dispoña de liquidez, aumentando o prazo de carencia de amortización e xuros do préstamo adaptados a realidade actual que vai retraer o consumo repercutindo no comercio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG