Galegas 2020

O BNG propón converter o Xacobeo nunha oportunidade para a cultura do país

Encontro cultura
Encontro cultura
“Queremos abrir unha primavera cultura a partir do 5A”, salienta Pontón tras un encontro con creadores e creadoras de todos os ámbitos

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, deixou claro que o BNG non quere “unha cultura en precario” e anuncia un cambio de rumbo a partir do 5A que poña fin á década de “demolición” do PP para “abrir unha primavera cultural” que empece por recuperar o investimento perdido polos recortes de Feixóo, e por actualizar unha normativa obsoleta ou que non se cumpre.

“Hoxe a Xunta inviste en cultura case un 60% menos que hai dez anos o que deriva nun empobrecemento e nunha precariedade no sector cultural do país”, denunciou tras un encontro con representantes do sector dentro da iniciativa Pensar Galiza. “No BNG queremos facer unha aposta de futuro por unha cultura viva, que nos enriqueza como sociedade e que nós permita tamén estar representadas en todo o mundo”, declarou.

Pontón salientou que este sector é ademais un polo de desenvolvemento económico e de benestar social, “e Galiza ten que estar na vangarda cultural e deixar atrás esta década dun PP convertido nunha brigada de demolición da cultura galega”. “O cinco de abril queremos abrir unha primavera cultural e para iso é importante entender a cultura como un dereito da sociedade,  ademais dun recurso que xera riqueza e emprego.  E ambos son dous compromisos claros dun goberno do BNG”.

Encontro culturaA candidata nacionalista tamén salientou que é necesario “redefinir” o Xacobeo para que sexa unha oportunidade para os creadores e creadoras galegas.  “Ten que dar a  oportunidade de mostrarlle ao mundo a nosa cultura e para crear rede de cara o futuro”, explicou Pontón.

“Non se trata de que non veñan outras propostas pero apostar polo talento do país ten que ser unha pata fundamental, o Xacobeo ten que permitir que esa creatividade se exhiba en igualdade de condicións e non minorizada ou discriminada como estamos vendo na actualidade coa Xunta nos proxectos que está impulsando nos últimos anos con moitos recursos públicos pero de costas ao tecido cultural galego”, afondou.

“O Xacobeo é unha oportunidade para o cultura galega pero hai que mudar o prisma do PP que confunde espectáculo con cultura e deixa de lado aos creadores e creadoras do país. O meu compromiso é redefinir a orientación deste evento para que sexa un escaparate da nosa cultura, que axude a crear rede e que sexa un elemento de internacionalización da cultura galega. Como teñen manifestado desde o propio sector, hai unha aposta por todo o que ven de fora pero marxinase a creación propia”,  alegou.

Entre as medidas que defende o BNG, incrementar o investimento público para acabar coa precariedade, e modernizar o marco legal en materia cultural “desde o diálogo co sector”. Neste sentido, o Bloque aposta por unha nova Lei galega do audiovisual,  -un ámbito con gran potencial-, elaborar a primeira Lei galega de artes escénicas e modificar o estatuto do AGADIR.

“Urxe democratizar o acceso aos fondos do audiovisual con medidas que apoien a realización e distribución do cine en galego, non é lóxico que sexa tan difícil ver cine en galego nas nosas pantallas. Hai que facelo con diálogo e con consenso, garantindo transparencia nas axudas públicas que deben ser distribuídas en base a capacidade e ao mérito e non en base ao criterios de amiguismo como fixo estes anos o PP”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG