BNG propón converter o ICO nunha verdadeira Banca Pública

Néstor Rego
Néstor Rego

É necesario contar cunha Banca pública que sirva para financiar, propoñer e acompañar os proxectos das entidades públicas locais, colectivos emprendedores e PEMES do Estado e dar unha saída máis xusta á crise económica derivada da pandemia da COVID-19.

O BNG defende así mesmo a creación dunha Banca Pública Galega que garanta que o aforro dos galegos e galegas se traduza en investimentos no propio País.

O BNG vén de rexistrar no Congreso iniciativas para converter o Instituto de Crédito Oficial (ICO) nun instrumento de dinamización económica co obxectivo de que financie proxectos e dea crédito a entidades públicas, persoas emprendedoras, investigadoras e PEMES. Para logra este obxectivo, a PNL presentada polo BNG sinala que é necesario dotar ao ICO dunha estrutura territorial maior e de medios humanos suficientes, así como aumentar as súas asignacións nos Orzamentos Xerais do Estado e un órgano de goberno plural con sistemas de control adecuados.

“Entendemos que no momento actual, o conxunto do Estado necesita que non se desvíe gran parte do investimento cara aos mercados financeiros abandonando a economía real do pequeno tecido produtivo” sinala o deputado do BNG. “É necesario evitar a exclusión financeira daqueles colectivos máis vulnerables e axudar a moderar os abusos que sofren as persoas usuarias por parte das entidades bancarias que buscan só mellorar as súas marxes de beneficio” explica.

Para lograr abordar os retos que a crise derivada da pandemia trouxo e atallar a acelerada desindustrialización ou atender á investigación e desenvolvemento, “precisamos contar cunha decida intervención pública”. Desde a perspectiva do BNG, o Estado non pode facer isto adecuadamente se non conta cunha Banca Pública, función que podería cumprir o ICO se se lle dota da dimensión e funcións necesarias para iso.

Na actualidade o ICO é unha entidade pública empresarial que opera como un banco privado, que pode pedir préstamos ao BCE, o que non se fixo nos últimos anos, e que se financia nos mercados de capitais con emisións de débeda a longo prazo. Trátase pois dun banco público de investimento pero de reducido tamaño, pois en 2019 o seu activo era de 32 mil millóns fronte ao 503 mil millóns do KfW alemán, o 554 mil millóns do Banco Europeo de Investimento ou o 181 mil millóns da Caisse de  Dépôts.

O  ICO presta, ben a través doutros bancos colaboradores, ou ben directamente de forma principal a grandes proxectos de investimento. Nestas operacións non recibe fondos dos Orzamentos Xerais do Estado nin subvencións, aínda que si traslada as subvencións a determinadas actividades ao cliente final en forma de menores tipos de interese.

Segundo recolle entre os seus obxectivos, o propio organismo defínese como un “instrumento de política económica para promover o crecemento económico", pero dificilmente pode cumprir esa función cando o seu investimento crediticio en 2019 foi de 21.441 millóns de euros, o que supón tan só o 1% dos créditos totais concedidos no Estado español.

“O  ICO debe dotarse adecuadamente e ser dimensionado nos seus recursos e funcións, para que poida facer fronte a novos retos. Desta forma podería cumprir un papel crucial para, por exemplo, apoiar o desenvolvemento equitativo de rexións e zonas  despoboadas, promover vivenda pública alcanzable en alugueiro, financiar investigación e, en xeral, atender ás pequenas empresas” destaca o deputado do BNG. Así mesmo, este organismo debe cumprir unha “función chave na dinamización da economía, atender ao financiamento de proxectos que permitan un retorno a medio e longo prazo”

Ademais debe “incrementarse tanto a extensión territorial, como os recursos humanos, e dotarse dun órgano de  goberno que garanta unha supervisión externa cualificada e plural con sistemas de supervisión e control” apunta Néstor Rego, “e tamén será necesario aumentar as por parte dos OXE”.

Sen renunciar a unha Banca Pública Galega

Tras coñecer os últimos datos relativos ao volume de créditos e depósitos publicados polo Banco de España, a formación nacionalista sinala que Galiza ten unha das peores relacións entre créditos e depósitos de todo o Estado. “Por cada 100 euros depositados, só 74 son destinados a crédito o que evidencia como o aforro na Galiza emigra e serve para fornecer créditos noutros territorios” apunta o deputado do BNG.

Galiza tamén representa a peor evolución do volume de créditos pois, se comparamos as cifras coas de 2009, vemos que cae de 44,4% a 0,74%. “Estes datos demostra os efectos negativos que tivo para Galiza a reestruturación bancaria, a través dun deseño estatal e alleo aos intereses do pobo galego, coa perda de entidades financeiras propias” sinala Néstor Rego.

“Estes datos amosan de forma clara os graves efectos que tivo na Galiza a reestruturación bancaria que levou á perda de entidades financeiras propias” subliña o deputado do BNG, “e por iso é necesario deseñar medidas que favorezan que o aforro galego serva para fixar inversións no noso País”. “Por este motivo, o BNG aposta pola creación dunha pública galega que sirva de referente e minimice os efecto da actividade privada, orientada unicamente á procura de dividendos e máis beneficios” apunta finalmente Rego, “mais, sen renunciar a ese obxectivo, entendemos que no momento actual tamén o conxunto dos cidadáns do Estado precisan dunha verdadeira banca pública”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG