O BNG propón unha comisión bilateral Xunta-Estado e destinar os 211M€ do IVE pendente a reforzar atención primaria

foto np w
Noa Presas avanza as propostas en sanidade e teito de gasto

 

“Que mellor uso?”, argumenta Presas, tras convidar a Feixóo “a pasarse por calquera dos centros de saúde do País para ver se así reacciona”

Temas para a negociación bilateral: Fondos europeos, trato para Galiza nos orzamentos do Estado 2022 e novo modelo de financiamento autonómico

Acelerar a vacinación entre a mocidade e máis rastrexadores, completan as medidas do BNG ante unha 5ª onda con record diarios de contaxios

En véspera do debate parlamentario, o BNG fixa posición e avanza as súas propostas ante a situación da pandemia e o teito de gasto, tendo en conta que, no primeiro caso, o virus marca máximos de contaxios a diario e, no segundo, marca o punto de partida para elaborar os orzamentos do próximo ano.

En relación á pandemia, o Bloque insiste en reforzar a atención primaria, á que propón destinar os 211 M€ que vai recibir Galiza polo IVE pendente de 2017, así como reforzar o deficiente sistema de rastrexo e acelerar a vacinación entre a xente nova.  En relación ao teito de gasto, a proposta é convocar unha comisión bilateral para negociar de ti a ti todas as cuestións relativas aos recursos que debe recibir Galiza: fondos europeos, trato nos orzamentos do Estado e novo modelo de financiamento autonómico.

A deputada e portavoz de Economía, Noa Presas, avanzou a posición do BNG, empezando por aclarar que o teito de gasto que o Goberno de Feixóo trae á Cámara non aumenta 8 millóns de euros como anunciu Feixóo, senón que baixa 93.

“En 2020 aprobamos un teito de gasto de 11.664 M€ e a semana pasada o Consello da Xunta  aprobou un límite de 11.571M€, por tanto, ou o presidente de Xunta precisa unha calculadora ou ten que deixar a propaganda de lado”, ironizou Presas, tras  expresar o seu temor a que este recorte anticipe “uns orzamentos rutineiros, repetindo receitas fracasadas e con menos gasto pese a crise se precedentes no sanitario, no económico e no social”.

O Bloque, por contra, demanda un incremento do investimento con máis fondos e indica que a vía para conseguilo é unha relación de ti a ti Xunta-Estado. “Se realmente queremos que Galiza reciba o que lle corresponde  ten que haber unha negociación bilateral como teñen Euskadi, Cataluña ou Andalucía, que xa pediu esta comisión bilateral.  Por que ao PP lle parece ben noutros territorios e aquí non fai nada nesa dirección?”, interpelou.

Unha comisión bilateral con tres asuntos sobre a mesa: fondos europeos de recuperación; investimento a través dos orzamentos do Estado do próximo ano, -agora que están en elaboración-, e un novo modelo de financiamento que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos.

En relación á situación da pandemia, o BNG pide extremar a precaución en particular entre a xente moza, para que siga demostrando a mesma responsabilidade que mantiveron todos estes meses.

“Pero tamén reclamamos ao Goberno central e á Xunta que aceleren a vacinación entre a mocidade, unha vez anunciadas  900.000 novas doses que se apliquen canto antes, con axilidade e con transparencia, porque nun tema tan serio non pode repetirse chapuzas como a auto-cita, que causou tanta indignación e con razón”, alegou Presas.

De novo, o Bloque insiste na urxencia de dotar de máis medios á sanidade pública, en particular a atención primaria, saturada e cun persoal exhausto. “Pedímoslle ao presidente da Xunta que visite calquera dos centros de saúde do País, que se pase, que se dea unha volta por algún dos centros de saúde de calquera concello a ver se así reacciona”, demandou a deputada nacionalista.

Primaria soporta unha saturación inadmisible e un persoal extenuado e minguado polo descanso estival  ten que atender unha quinta onda en escalada, á saúde ordinaria da poboación e o incremento de usuarixs propio do verán. “A proposta do BNG: reforzar a atención primaria cun investimento urxente de 200 M€, que mellor uso para os 211 millóns de euros que Galiza vai recibir por fin do IVE de 2017?”, concluíu Presas.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG