Galegas 2020

O BNG propón que os colexios electorais estean abertos até as 21 horas para facilitar a participación o 12X

Pedirá unha aclaración á Xunta Electoral ao entender que a proposta do Goberno do PP de expandir o voto por correo “é ambigua, perigosa e pode xerar fraude”

O BNG aposta por tomar todas as medidas necesarias para facilitar o voto na cita electoral do 12 de xullo, pero salienta que calquera medida que se adopte debe contar con todas as garantías democráticas e debe adoptarse dentro da lexislación en vigor.

Neste sentido, formula unha contraproposta á realizada polo Goberno da Xunta con medidas para fomentar a participación masiva na xornada electoral pero dentro da lei e coas máximas garantías. En concreto, o BNG propón tres medidas: establecer unha franxa horaria de votación preferente para as persoas maiores; incrementar unha hora a xornada electoral, de xeito que os colexios pechen ás 21.00H e, en terceiro lugar, que as oficinas de correos en Galiza teñan un horario estendido e abran os sete días da semana, en xornada de mañá e tarde, para poder solicitar e emitir o voto.

Con esta proposta avánzase no camiño de facilitar a participación pero con todas as garantías. Por contra, o Bloque considera que a formula do Goberno do PP para expandir o voto por correo non só non ofrece garantías democráticas senón que resulta “ambigua e mesmo perigosa” ao favorecer a fraude, razón pola que a formación nacionalista vai solicitar unha aclaración á Xunta Electoral Central sobre este asunto.

“Defendemos que haxa unha participación masiva, que poida votar o maior número posible de galegos e de galegas pero con todas as garantías democráticas nun proceso electoral absolutamente decisivo para o país como é o 12 de xullo”, explica a coordinadora de campaña, Goretti Sanmartín, “pero o que non se pode é cambiar as regras de xogo de tal xeito que se pretenda converter en xeral o voto por correo previsto na lei para determinados circunstancias”.

O Bloque considera que, ademais de non estar prevista na lei a universalización desa modalidade de sufraxio, o servizo postal “non ten persoal suficiente” para atender un voto por correo masivo coas debidas garantías democráticas: “é unha medida ambigua, mesmo perigosa que pode dar lugar a unha fraude electoral”, denuncia Sanmartín, “por iso desde o BNG formulamos unha contraproposta que vai na liña de conseguir que vote o maior número posible de persoas pero con garantías, como establecer un horario preferente para as persoas maiores, ampliación da xornada nos colexios electorais e ampliación tamén no horario de atención de correos”.

A formación nacionalista considera que a ampliación do horario até as 21:00H nos colexios electorais é ademais “lóxica” tendo en conta que se votará en pleno período estival. “Son medidas que facilitan unha maior participación e, ao mesmo tempo, con toda as garantías democráticas”, subliña Sanmartín.

A dirección do BNG salienta que nunhas eleccións é fundamental que se cumpra a lei, que todas as propostas que se fagan conten con garantías democráticas e considera que non se poden cambiar as regras de xogo previstas na lei. Para a formación nacionalista, non deixa de ser sorprendente que os mesmos que dicían hai dous días que se podía votar con todas as garantías, que non era un problema convocar eleccións no medio dunha pandemia, agora digan xusto o contrario.

En todo caso, o BNG considera que debe de facilitarse ao máximo, dentro da lei, a participación e a seguridade na xornada electoral, por iso considera urxente que a Xunta elabore un protocolo sanitario para a xornada electoral.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG