O BNG propón que as capturas accidentais da frota artesanal galega non computen como cota de pesca

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado: “Se o único que se lles ocorre é dicir que o sector se auto xestione mellor habería que pedirlle ao Goberno do PP que se disolva”

O BNG reclamou en sede parlamentaria que as capturas accidentais da frota artesanal galega deixen de computar como cota de pesca asignado ás embarcacións, o que ten graves efectos económicos en pesquerías que, como no caso da xarda, xa parte de cotas autorizadas mínimas en función do reparto establecido pola Unión Europea e do Estado español.

“Estamos ante un asunto que causa moitos problemas na frota artesanal galega por este sistema imposto pola UE e polo Estado español que a xunta aplica sen ter en conta as peculiaridades da frota, discriminada e burlada, obrigada a tirar peixe ao mar como consecuencia desde sistema de reparto de cota que non ten en conta as características deste frota da que vive tanta xente en Galiza”, explicou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado.

Durante o debate da proposta nacionalista na Comisión de Pesca, Prado criticou o “discurso falaz” do Goberno galego pedindo que sexa o sector que se auto regule: “Habería que disolver ao Goberno do PP xa que o único que se lles ocorre sobre este tema é que o sector se auto xestione mellor”, ironizou, “impoñen unhas condicións e logo pídenlles que se auto regulen nun marco que os atada de pés en mans, pero que non lle permiten unha renda digna”.

Ante o veto do PP á iniciativa do Bloque, Prado lembrou a discriminación que soporta a frota artesanal galega fronte a outras da UE, como a vasca ou a francesa, de tal xeito que na mesma zona unha embarcación de Galiza ten menos cota de pesca que outros barcos das mesmas características e cos mesmos tripulantes.

“Diante disto ao PP non lle importan as cento de familias que viven da pesca e segue relegando a responsabilidade nas confrarías para repartir o a miseria, porque a Galiza lle corresponde un cota ridícula. Non é un problema de escaseza de recurso, porque hai outras frotas que poden pescar, pero a frota que faena baixo bandeira galega non ten un goberno que a defenda. Por unha vez agardaba que o PP soubera poñerse de parte do sector”, concluíu Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG