O BNG propón blindar Galiza para evitar a expansión do coronavirus impedindo entradas e saídas no territorio

Ana Pontón: “é unha medida drástica pero a experiencia demostra que é eficaz”

O Bloque activa comisións de seguimento nas institución que gobernan que se poñen a disposición das autoridades sanitarias e da Xunta

Pide medidas que minimicen o impacto nas rendas de traballador@s e autónom@s

O BNG propón “blindar” Galiza para evitar a expansión do coronavirus, de tal xeito que non se permitan entradas nin saídas no territorio do país e que se limite a mobilidade naqueles concellos nos que hai un número elevado de persoa procedentes de zonas de alto risco. Unha medida “drástica”, recoñece a portavoz nacional, Ana Pontón, pero que ten demostrada a súa eficacia no obxecto prioritario de evitar a propagación da pandemia.

“É necesario blindar o territorio galego, que non haxa entradas nin saídas de persoas no ámbito autonómico, e naqueles lugares onde hai unha alta concentración de persoas chegadas de territorios cunha clara expansión do virus que se limiten os movementos para evitar esa expansión porque sería a peor das noticias para o país”, explicou Pontón, “hai que actuar con responsabilidade, sabemos que son medidas drásticas pero tamén sabemos que a mellor medida para conter a expansión é reducir a mobilidade, a experiencia está aí”.

Pontón salientou que canto antes se actúe adoptando medidas contundentes antes se poderá parar a crise e, tendo en conta a tendencia á alza e o feito de que a maior parte dos casos foron importados, “o máis eficaz para a contención é reducir a circulación de persoas e para iso propoñemos blindar Galiza prohibindo as saídas e entradas ao noso territorio. Non hai que perder tempo na adopción dunha medida que se demostrou eficaz”, recalcou.

Pontón poñía esta medida enriba da mesa despois da primeira reunión do comité de seguimento da crise do coronavirus do BNG, na que se destacou que, se ben a situación non ten en Galiza a día de hoxe a gravidade doutras partes do Estado, “o importante aumento de casos fai necesario que se adopten medidas, desde a serenidade, desde a responsabilidade pero contundentes para frear a expansión do virus, minimizar os efectos na saúde das persoas e paliar as consecuencias económicas”.

A líder nacionalista tamén fixo fincapé sobre feito diferencial de que o nivel de envellecemento fai que teñamos unha maior porcentaxe de poboación vulnerable, “o que require medidas adaptadas a esta realidade”.

Pontón volveu insistir na “máxima colaboración” porque non é o momento de “rifi-rafes políticos” e, nese sentido, anunciou que todas as institucións nas que goberna o BNG están a disposición das autoridades sanitarias e dos gobernos, ademais de poñer en marcha comités de seguimento da crise “para facilitar información detallada aos grupos da oposición e para actuar ante a sociedade coa máxima clareza e transparencia, claves para darlle seguridade á poboación.”

Evitar despedimentos, garantir salarios

No ámbito laboral, debe haber un paquete integral de medidas para reducir o dano sobre traballadores e traballadoras e persoas autónomos adoptadas con criterios homoxéneos para todas as empresas: “hai que evitar despedimentos porque as persoas necesitan os salarios”.

Para iso, destacou, “van ser necesarias medidas de compensación económica que garantan as rendas e, por tanto, as medidas de contención de gasto público terán que ser revisadas porque as consecuencias van ser brutais e é preciso un aporte por parte das administración públicas”.

Orgullo do pobo galego

Unha vez máis declarou o seu “orgullo” polo exemplo de solidariedade, fraternidade e a actitude de apoio para que ninguén se sinta solo que está dando o pobo galego, “que ten demostrado a súa capacidade para saír adiante en situacións de gran dificultade. Imos volver demostralo ante esta crise”, declarou.

De novo volveu trasladar o recoñecemento ao persoal sanitario que está a facer un traballo extraordinario e fixo extensivo o agradecemento ao persoal das tendas de alimentación, farmacias ou gasolineiras para garantir o subministro á poboación. E unha mensaxe de solidariedade e de apoio a todas as persoas que afectadas polo virus e as súas familias.

En relación á celebración dos comicios, a posición do BNG é clara como xa trasladou publicamente: aprazamento con data concreta antes do verán e coas máximas garantías xurídicas, e debe decidirse na reunión do luns entre o presidente da Xunta e os partidos políticos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG