O BNG propón ás bases unha coalición para as Europeas con forzas nacionalistas de Galiza, Catalunya e Euskadi

asemblea
asemblea

A militancia analizará e votará a proposta da dirección nas asembleas comarcais que se celebrarán nas vindeiras semanas por todo o país

O BNG propón ás bases unha coalición para as Europeas con forzas nacionalistas de Galiza, Catalunya e Euskadi

O BNG inicia un debate entre  a súa militancia para que as bases decidan a fórmula máis idónea para presentarse ás eleccións ao Parlamento europeo, -previstas para o 26 de maio de 2019-, sometendo a súa consideración a proposta remitida pola dirección nacional, que aposta por unha coalición electoral con forzas soberanistas das tres nacións sen estado: Galiza, Euskadi e Catalunya.

A proposta de resolución remitida pola Executiva nacional ás bases, -que nos próximos días empezará a ser debatida en asembleas comarcais por todo o país-,  está formulada en base a tres puntos.

  1. “O BNG impulsará unha coalición electoral en torno a forzas nacionalistas das tres nacións sen estado do Estado español: Galiza, Euskal Herria e Catalunya”.
  2. “Será unha coalición de carácter instrumental, polo que o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con [email protected] [email protected] en función exclusiva dos intereses de Galiza”.
  3. "Recolle as bases políticas que fundamentan a candidatura impulsada polo BNG: “Defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir libremente o seu futuro e da súa soberanía política. Defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra”.

Igualmente, “combate do modelo ultraliberal da Unión Europea e defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza e da cooperación entre os pobos en pé de igualdade”.

No escrito remitido á militancia, a dirección nacional explica que, -seguindo o mandato do Consello Nacional como máximo órgano entre asembleas-, “leva meses mantendo unha interlocución continuada con organizacións soberanistas de Euskadi e Catalunya, co fin de promover unha actuación conxunta de cara ás vindeiras eleccións europeas”.  

A Executiva do BNG aposta por esta fórmula electoral que agora somete á debate das bases, “pois correspóndelle ao conxunto da militancia decidir se esa é a liña a seguir ou non”.

Alianzas en beneficio de Galiza

No documento de tres folios que será debatido nas asembleas comarcais, a dirección do Bloque salienta que, no contexto actual, “a única garantía real de defensa do pobo galego sen condicionamentos alleos no Parlamento europeo pasa por unha política de alianzas que asegure esa representación nas mellores condicións posíbeis e que sexa coherente coas nosas posicións políticas”.

Indica tamén a Executiva que encabeza a portavoz nacional, Ana Pontón, que a alianza con forzas políticas vascas e catalás “é unha aposta estratéxica” para o nacionalismo galego desde hai case un século, que vai moito máis aló da conxuntura electoral. Partindo dunha “boa valoración” dos resultados e do funcionamento da coalición Os pobos deciden dos comicios europeos de 2014, a dirección do Bloque aposta agora por impulsar “unha alianza máis ampla, das tres nacións”.

Unha decisión, explica no documento, vinculada ao obxectivo básico de conseguir representación propia na Eurocámara “tendo en conta a circunscrición electoral estatal”, pero tamén “a orientación histórica e estratéxica de consolidar un marco estable de relacións entre as forzas soberanistas das tres nacións e impulsar a unidade de acción especialmente tras o debate aberto sobre os dereitos das nacións”.

Pese a visión crítica que o BNG tivo sempre e ten hoxe da Unión Europea, “defende a súa participación en todas as instancias que, por hostís que fosen, permitan consolidar un espazo propio e garantir a defensa dos intereses da nación e do pobo galego”.