parlamento galego

BNG propón axudas específicas para o sector marisqueiro afectado pola mortaldade de moluscos derivada dos temporais

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez insta á Xunta a facilitar respostas áxiles a mariscadoras e mariscadores afectados nas rías de Arousa e Pontevedra

BNG instou á Xunta no Parlamento galego a articular medidas de apoio específicas para os e as mariscadoras afectadas pola mortaldade de moluscos derivada do exceso de auga doce e, en consecuencia, a baixa salinidade nas rías de Arousa e Pontevedra ocasionadas polos últimos temporais.

Nunha pregunta ao Goberno galego na comisión sectorial da Cámara, a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, argumentou que, para dar resposta a esta problemática, a Consellería está utilizando as axudas anuais ordinarias cunha previsión de recursos que poden verse desbordada dada a especial incidencia das inclemencias climatolóxicas rexistrada nos últimos meses. “Nun ano coma este no que se está a rexistrar unha situación excepcional, require tamén recursos extraordinarios”, subliñou.

Así mesmo advertiu de que ao emprazar ao sector ás axudas de carácter ordinario, obrígaselle a agardar a tramitación habitual, cando o que precisa son “medidas áxiles” ante unha situación anómala e que vén empeorar a que xa estaba arrastrando. “Hai mariscadoras e mariscadores que están nunha situación crítica porque o ano foi crítico”, recalcou, para a continuación instar ao Executivo a facilitar respostas, entre as que citou ceses de actividade ou mesmo ceses por causa de forza maior, que permita as e aos profesionais dos bancos máis afectados “acollerse canto antes a axudas”.

Neste sentido, Pérez recordou que zonas como Rianxo, Carril, Vilagarcía, Pontevedra ou Poio quedaron considerablemente danadas polos sucesivos temporais e que todas as confrarías afectadas coinciden en subliñar que os grandes aportes de auga doce recibidos provocaron unha importante baixada da salinidade da auga mariña ao que, no caso da ría de Arousa, hai que engadir o exceso de auga doce procedente da presa de Portodemouros, unha presa que carece de comportas e funciona cun sistema de rebose que xa ten causado problemas na ría noutras ocasións.    

A portavoz de Pesca alertou sobre os altos índices de mortaldade rexistrados en distintas especies e que no relativo ao berberecho, en Rianxo mesmo está a comprometer seriamente a campaña do próximo verán. Logo de repasar a situación de varios bancos marisqueiros afectados en distintas localidades -como en Carril, Vilagarcía ou as confrarías de Lourizán, San Telmo e Raxó na ría de Pontevedra- recordou que esta conxuntura vén agravar o impacto da pandemia sobre o sector, cunha evidente merma nos seus ingresos.

“A perda constante do recurso está a derivar nunha verdadeira situación de angustia para as e os profesionais do mar”, recalcou, para concluír que “é preciso unha avaliación, seguimento e análise das súas consecuencias nas diferentes rías e unha toma de decisións áxiles que impidan que esta nova crise siga a ter repercusións nos ingresos das mariscadoras e mariscadores”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG