parlamento galego

BNG propón ao Goberno galego un paquete de medidas específicas para combater as novas variantes de COVID

Montse Prado
Montse Prado

Avoga por incrementar o diagnóstico e a secuenciación e considera “escandaloso” que a Xunta licite un ano despois un sistema de rastrexo

Montserrat Prado pide que as probas de detección sexan válidas para as mutacións do virus, revisar o período de corentena e PCRs antes das altas

BNG defendeu no Parlamento galego a necesidade de articular medidas específicas ante o impacto das novas variantes de COVID, entre as que “a británica xa é maioritaria, orixinando máis do 90% dos casos detectados, e as sudafricana e brasileira xa están tamén presentes en Galiza”, segundo advertiu a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado.

Ante a incidencia das distintas mutacións do virus, que segundo distintas autoridades sanitarias como o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias ou a propia Organización Mundial da Saúde (OMS), teñen un maior potencial de risco na saúde pública e presentan maior carga viral, un grao máis alto de contaxio e letalidade e resulta infeccioso por máis tempo, Prado reclamou á Xunta “unha actuación proactiva e non reactiva” para “ir por diante do virus”.

Así pois, o Bloque propón a posta en marcha dun paquete de medidas entre as que se inclúen protocolos de anticipación para reforzar a alerta, incrementando tanto a capacidade de diagnóstico como a de secuenciación xenómica viral “e non conformarse con secuenciar só entre un 1 e un 2% como recomenda o Goberno estatal, cando a UE fixa un mínimo dun 5% e apunta como óptimo o 10%”, subliñou a deputada nacionalista.

De igual xeito, defende a necesidade de garantir que as probas de detección do coronavirus sexan precisas e válidas para as novas variantes, non só nos casos de análise escollidos, “senón en todos os cribados que se realizan”. Así mesmo, Prado avogou polo illamento temperá e sen demoras das persoas afectadas e por ofrecerlles alternativas de estancia se é preciso, non caso de que as súas condicións persoais non permitan un illamento con garantías.

A portavoz de Sanidade reclamou tamén a revisión e unificación dos períodos de corentena, dado que as novas variantes presentan “novos comportamentos cunha taxa de infección maior e máis prolongada no tempo, o que fai necesaria a revisión das corentenas”, e a realización de PCRs ao inicio e ao remate das mesmas. “Que non se dea unha soa alta sen proba de verificación”, recalcou.

Por último, Prado incidiu na urxencia de dispoñer dun sistema de rastrexo “reforzado e eficiente” que permita actuar de inmediato ante novos positivos, sen agardar días como acontece actualmente. Neste sentido cualificou de “escandaloso” que o Goberno de Feixóo aínda acabe de sacar a concurso a licitación dun “sistema estable de seguimento de casos”. “Un ano despois”, recalcou para a continuación concluír que unha “actitude activa e a vixilancia intensa permiten a detección temperá e, con isto, salvar vidas”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG