O BNG priorizará a axenda feminista no seu programa electoral para o 5 de abril

Noa Presas e Olalla Rodil
Noa Presas e Olalla Rodil

Presenta a campaña do 8M con 20 propostas para seguir conquistando dereitos, corresponsabilidade nos coidados, igualdade salarial e medidas de loita contra  a violencia machista

Rodil pide crear unha valeduría da Igualdade  con capacidade sancionadora para as empresas que incumpran os dereitos laborais e salariais das traballadoras.

O BNG priorizará a axenda feminista no seu programa electoral para o 5 de abril

A  deputada do BNG, Olalla Rodil e a responsable de Acción Feminista, Noa Presas presentaron hoxe a campaña do 8 M e fixeron un chamamento a todas as mulleres de Galiza para mobilizarse de cara ao 8 de Marzo.

A deputada, Olalla Rodil afirmou  que o BNG asume como cuestión prioritaria “unha axenda feminista no programa electoral do 2020” para facer “visible o invisible”. Baixo o lema “ É a nosa hora” o BNG quere superar o mandado cultural de xénero que impón   ás mulleres os coidados das crianzas e persoas con dependencia  como unha obriga natural. Un mandato cultural, que asumimos “falsamente por amor” e de maneira abnegada. Este un modelo que temos que mudar. O movemento feminista, explicou Rodil porá este 8 de marzo o foco neste traballo invisible.

Dende o BNG apelamos a cambiar o modelo de traballos dentro da casa e transformalo “nunha responsabilidade colectiva fomentando a corresponsabilidade a incorporación dos coidados e unha rede de servizos públicos” ao que sumou a garantía de traballo e condicións salariais e laborais dignas para todas as mulleres que asumen o coidado das persoas dependentes e crianzas nos servizos públicos.

Rodil avanzou as propostas da axenda feminista do BNG entre as que destacou: “ elaborar unha nova Lei de Igualdade que supere a do ano 2004 auditar os servizos públicos sufragados pola Xunta de Galiza e crear unha Valedoría da Igualdade como existe nos países nórdicos con capacidade sancionadora para as empresas que incumpran os dereitos laborais e salariais das traballadoras”.

Os dereitos das mulleres, reiterou Rodil deben ser “unha prioridade política” e este é o compromiso que asumimos dende o Bloque nacionalista galego.

Pola súa parte, Noa Presas lembrou que no ano 2017, Galiza fixo historia cos primeiros paros da folga internacional de mulleres, no 2018 enchéronse as rúas cunha manifestación histórica días antes en Vigo e no 2019, a participación bateu récords nunha manifestación sen precedentes en Lugo. Unha participación en Galiza moi superior ao resto do Estado e mentres tanto, “o PP criminalizaba a folga de mulleres e despois do seu éxito dixo que tomaría  nota” sen embargo, ironizou Presas, Feixóo “debeu perder os papeis porque desde entón, non fixo nada”.

A responsable de Acción feminista do BNG afirmou que as mulleres estamos fartas de que a “derechona do PP e  súas marcas brancas cuestionen os nosos dereitos”, estamos fartas  de seren as responsables da conciliación, de pedir máis do 75% de excedencias para coidar a dependentes e crianzas e mentres isto ocorre, o PP limitase a aprobar políticas natalistas e defender un proxecto “fracasado” de lei de demografía.

Presas denunciou unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións en máis de 400 euros, así como  os peores índices de temporalidade e precariedade. Por outra parte, lembrou que a violencia machista segue moi presente e en Galiza é un problema de primeira orde con dúas mulleres asasinadas no que vai de ano.

A nosa campaña, dixo,  recolle a idea de que “É  a nosa hora e as mulleres deste país non estamos dispostas a agardar” porque é a hora  de “conquistar dereitos,  corresponsabilidade nos coidados e a  igualdade salarial”.

Finalmente, Presas fixo un chamamento a participar na concentración  do domingo, 1 de marzo en Verín, lugar que se converteu no   símbolo de que os gobernos que atentan contra os nosos dereitos, como fixo o PP de Feixóo, só terán  unha saída: “A rectificación”.