O BNG presentará iniciativas para que Vigo volva ser o motor económico de Galiza

Ana Pontón e Xavier P. Igrexas
Ana Pontón e Xavier P. Igrexas

Afirma que o BNG traballará para ofrecer alternativas aos problemas de fondo para que  “Vigo avance”

Pide abandonar os debates estériles e partidistas do concello de Vigo coa Xunta porque  danan a cidade

O BNG presentará iniciativas para que Vigo volva ser o motor económico de Galiza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou nun almorzo informativo acompañada polo representante do BNG no Concello, Xabier Pérez Igrexas. No encontro coa prensa, Pontón salientou a importancia da entrada do BNG no concello e avanzou que o BNG continuará traballando para que “Vigo avance” aportando alternativas aos problemas de fondo.

Pontón salientou  que Vigo foi durante moito tempo “o motor económico de Galiza” e no horizonte albíscase retos aos que debe dar resposta porque a “a política é algo máis que decorado e xestos”. É necesario, dixo, empregar novas estratexias para a área  metropolitana de Vigo que está perdendo posicións económicas fronte á área de Coruña cun incremento do PIB.

A nacionalista insistiu en que Vigo conta con todas as ferramentas para converterse novamente no motor económico de Galiza abandonando “o localismo estéril e política de confrontación que só conduce á perda de oportunidades. Dende o BNG defenderemos no Parlamento galego esa “nova estratexia para a Área metropolitana de Vigo”.

Esta cidade ten un “un pulmón industrial” que debe ser recuperado con peso e futuro. Sabemos que non estamos nunha conxuntura fácil ante unha nova desaceleración económica e un escenario no que non se creará emprego por iso, recalcou temos a obriga de pensar na política de verdade, esa que xera traballo e riqueza. A política de “decorado” pode ofrecer bos resultados electorais a algúns pero é “unha política suicida para o país”.

Pontón lembrou que o debate sobre as Illas Atlánticas como patrimonio da Humanidade danou “a imaxe de Vigo” e o prestixio dun gran valor medioambiental. O que realmente necesitamos, dixo, é “menos loita de egos e avanzar colectivamente”.

Entre as cuestión que deben ser abordadas dende o concello, Pontón destacou os ruídos na cidade, “a máis ruidosa do Estado español” e os problemas de subministro de auga pola situación dos encoros e polo abastecemento. Ademais criticou a “anárquia edificatoria” e a ausencia dun plan xeral de ordenamento, algo  que non parece ser “unha prioridade para ao actual goberno”, ironizou.

A nacionalista tamén destacou os problemas da cidade no sector cultural e a necesidade do saneamento da Ría de Vigo.

Dende o BNG, afirmou, queremos contribuír co ben xeral e para iso traballaremos para  mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vigo.

GALIZA AUSENTE NA POLÍTICA ESTATAL

Agora  que Pedro Sánchez abandonou as vacacións volve a estar en axenda a constitución do goberno. Teño a sensación, asegurou a portavoz nacionalista, que na “política de estado hai moito paripé” e non asistimos  a unha negociación seria porque algúns están máis preocupados iniciando a precampaña.

Dende o BNG preocupanos que Galiza permaneza “sin voz e desaparecida”. Ningúen defende os nosos intereses mentres vascos, valencianos e valencianas, camtabros e canarios negocian, dende  Galiza non vemos a ninguén que poña sobre a mesa unha axenda Galega en defensa dos nosos intereses ante Madrid. Temos a estafa da AP-9, aínda sen transferir, o problema de ENCE na Ría de Pontevedra, un modelo de financiamento que nos discrimina, unha débeda do estado e  un gran problema coas industrias electrointesivas. Todas e cada unha destas cuestión dependen de Madrid e eu non vexo que ningún deputado ou deputada galega “condicione o debate de investidura a unha solución aos nosos problemas”.

“O retrato é demoledor”, temos deputados e deputadas que se presentan ás eleccións para defender os intereses de Galiza e no momento que chegan a Madrid obeceden ás directrices dos partidos madrileños esquecéndose dos intereses dos galegos e galegas.

Pontón considerou que un novo proceso electoral “non será positivo” pero no caso de haber eleccións, anunciou que o BNG  traballará para acabar coa afonía de Galiza e que da man do BNG, os galegos e galegas teñan unha voz que os defenda en Madrid.

“Nós non temos ataduras e non temos que pedir permiso aos partidos en Madrid para reclamar as transferencias, recursos para o ferrocarril e todas aquelas cuestións que nos afectan económicamente”, concluíu.

Tras o almorzo informativo, a Portavoz nacional do BNG mantivo un encontró con representantes do sector cultural para analizar a situación cultural da cidade de Vigo.