municipais 2023

BNG presenta en Vedra unha candidatura preparada para gobernar e transformar en positivo o concello

Acto Vedra
Acto Vedra

O candidato do BNG á alcaldía, Fou, sinala a necesidade de desenvolver o programa municipal da frente nacionalista ante aos modelos esgotados de PP e PSOE

Corrixir o abandono das parroquias centrais, regular o modelo vitivinícola e a reconversión nun parque Eco-Industrial entre as medidas estrela do BNG para Vedra.

O Bloque Nacionalista Galego presenta a candidatura do BNG no Concello de Vedra para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Un equipo que, segundo apunta o candidato á alcaldía, Xosé Antón Pose, está preparado para gobernar e levar a cabo políticas transformadoras que muden en positivo a vida da xente. Entre as propostas que presenta o BNG destacan a regulación do modelo vitícola e a fiscalización do territorio, a reconversión do parque empresarial nun Parque Eco-Industrial (PEI), así como corrixir o abandono das parroquias centrais de Vedra. Alén do máis, sinalan a necesidade de ter un goberno municipal forte para solucionar o problema no transporte metropolitano, o arranxo do Centro de Saúde e a construción do centro de día, entre outras.

“Queremos corrixir o abandono que sofren as parroquias centrais de Vedra, onde a destrución da depuradora de Ribeira -asociada ao Parque empresarial- paralizou o desenvolvemento da maior infraestrutura municipal de saneamento” defende o candidato do BNG á alcaldía.

Así mesmo, Xosé Antón Pose engade a proposta da frente nacionalista para regular o modelo de implantación da viticultura e a fiscalización do territorio. “Aplicaremos unha máxima lóxica: o propietario do terreo ten todo o dereito a vender a súa propiedade, e o comprador ten o deber de cumprir coa lexislación” afirma. Sinala que o modelo que pretenden levar a cabo PP e PSOE “destruiría o territorio, contaminando o entorno e arrancaríanse as viñas. Non queremos ser meros fabricantes de uvas, apostamos pola potenciación do sector vitivinícola en Vedra”.

“Durante o goberno do BNG no Concello de Vedra levaremos a cabo a reconversión do Parque Empresarial de Vedra nun Parque Eco-Industrial (PEI), que permitiría acollerse a financiamento europeo para acadar o seu desenvolvemento. Esta é a única posibilidade para rematar coa fracasada proposta do PXOM desenvolto polo PSOE e as desastrosas modificacións realizadas polo PP” sinala o candidato do BNG á alcaldía de Vedra. Neste sentido, “Fou” alerta de que quedan escasos dous anos dos fondos de recuperación e moito traballo por facer, así que a organización nacionalista propón “un plan director de 10 puntos para dotar de viabilidade o Parque Eco-Industrial, que sería un referente a nivel galego, estatal e europeo”.

Por outra parte, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza sinala o “estado lamentábel” en que se atopa o Centro de Saúde de Vedra, sen que se levasen a cabo as reformas necesarias para garantir condicións básicas que un centro de saúde debe reunir. “Caen cascotes, hai humidades, a instalación eléctrica é vella, non está adaptado para persoas con mobilidade reducida” enumera Iria Carreira. Neste sentido, a deputada lembra a iniciativa rexistrada no Parlamento para que se levasen a cabo as actuacións precisas mais que o Partido Popular votou en contra. “É urxente que o Centro de Saúde de Vedra conte, ademais dunhas instalacións adecuadas, con persoal e recursos suficiente para prestar servizo á poboación” alega Carreira.

“Tamén defendemos garantir o transporte público para o conxunto da veciñanza de Vedra, non só conectar Vedra con Compostela senón tamén co resto de concellos limítrofes” explica a deputada nacionalista. Neste sentido, Carreira tamén denuncia o trato de favor que está a facer a Xunta de Galiza coa empresa de transportes Monbus tolerando os incumprimentos reiterados no servizo. “A propia ANPA de Vedra denunciou o deterioro na calidade do servizo prestado por Monbus desde que é a empresa de transporte concesionaria” apoia o seu argumento a deputada no Parlamento de Galiza.

Políticas transformadoras para mudar Vedra en positivo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en valor o proxecto político que representa a formación nacionalista para “sacar a Vedra do esmorecemento”. Neste sentido, destaca a experiencia previa dos gobernos municipais do BNG que, alí onde goberna, “somos capaces de levar a cabo políticas transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente e aspiramos a estender e mellorar os servizos públicos, así como dotar de máis recursos o Concello”.

“A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro dun proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre todo aquilo co que se compromete” afirma Rego. Para iso, explica o deputado do BNG, “o grupo de goberno do BNG en Vedra non só contará co apoio da organización na localidade, senón cunha organización enteira como o BNG que ten experiencia e proxecto de futuro para o concello”.

Alén do máis, destaca o papel do BNG no Congreso, defendendo de maneira incansábel os intereses dos e das galegas, así como das maiorías sociais e as clases populares: “non hai problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclama ao Goberno que atenda as necesidades do noso País” incide. Neste sentido, adianta a necesidade de contar, nun futuro próximo, con maior representación no Congreso e influír, de maneira decidida, nas políticas que dependen do Goberno do Estado.

A candidatura do BNG en Vedra preparada

Ademais de Yolanda Vieiro como número dous da candidatura e o candidato á alcaldía, Xosé Antón Pose Rodríguez, o BNG presenta a un grupo de mulleres e homes preparados para gobernar o Concello de Vedra. No número tres está Xesus Castro; de catro, Mari Carmen Cao; de cinco, Vitín Lema; de seis, Otilia Otero; de sete, Xes Clavijo; de oito, Navia Rendo; de nove, Fátima Limia; de dez sitúase David Brocos, seguido por Lucía Gómez, Xosé Seijas e Manuel Castelao. A lista continúa coas suplencias de Florentino Souto e María Neira, ocupando o número un e o dos respectivamente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG