Municipais 2019

O BNG presenta a súa candidatura ás municipais no Carballiño pedindo o voto para a organización o vindeiro 28A

Presentación O Carballiño
Presentación O Carballiño

Noa Presas: “aos que fan turismo electoral en Galiza dicímoslle que Iago non estará de turismo no congreso senón para defender os intereses das galegas”

Os nacionalistas auguran bos resultados electorais nos comicios de abril e os de maio.

O Bloque Nacionalista Galego presentou no Hotel Arenteiro a súa candidatura para as municipais no concello de O Carballiño encabezada por Chema Ferreiro. Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza pola mesma formación política, arroupou á lista nacionalista e xustificou que “Carballiño mellorará se o BNG sae reforzado dos comicios do 28A e o 26M”.

O acto realizado pola formación nacionalista valorou a ausencia da voz das galegas e os galegos no Congreso dos Deputados durante as últimas lexislaturas, que se caracterizaron pola inestabilidade e os casos de corrupción das formacións estatais.”Podemos errar pero non enganamos a ninguén. En 30 anos de historia, temos cero casos de corrupción nas nosas filas” sinala a deputada galega. “Aos que fan turismo electoral en Galiza agora e non se preocuparon polos problemas dos e das galegas dicímoslle que Iago Tabarés non estará de turismo no Congresos dos Deputados senón para defender a Galiza, a Ourense e ás problemáticas que teña Caballiño” afirma Presas.

Presentación O CarballiñoDurante o acto, tamén houbo a intervención de Chema Ferreiro, candidato á alcaldía polo BNG no Carballiño. O cabeza de lista amosou a súa ilusión ante os comicios de maio ante a lista de persoas “preparadas e diversas” que conforman a candidatura nacionalista. Asemade, Ferreiro aseguraba estar preparado para uns bos resultados electorais tanto nas eleccións de maio como de abril debido ao “achegamento da xente cara o BNG neste tempo”.

“De nada serve defender o tren se es alcalde ou concelleiro e que os teus compañeiros de partido que están en Santiago ou en Madrid fagan o contrario como padecedes vós no Carballiño” apuntou Noa Presas ante os asistentes na presentación de candidatura. Continuou preguntando: “cantas veces vos viñeron contar en campaña que ía haber máis tren? E que fixeron despois? Na-da.”

“O voto do BNG vale dobre” sinalou Presas. Continuou explicando que vale dobre porque é o único voto que pode frear á dereita “casposa e españolista” e máis darlle voz aos problemas e necesidades que temos como galegos e galegas. “Nestes días non se fala dos nosos problemas, veñen de turismo electoral e non aportan solucións” finalizou Noa Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG