Debate dos Orzamentos de 2018

O BNG presenta propostas fiscais que supoñen 135M de euros adicionais para políticas sociais e de emprego

Noa Presas: "Os orzamentos non recuperan  condicións, dereitos e servizos públicos nin dedican máis recursos  ás prioridades políticas que precisa este país".

A portavoz de economía do BNG, Noa Presas afirmou que “a actual  situación de excepción económica galega exixe un cambio de rumbo nas políticas” polo que  defendeu unha batería de propostas contrarias aos recortes e continuísmo que representan  as contas da Xunta para o 18. A parlamentaria defendeu propostas fiscais que supoñen “135 M€ adicionais para incrementar políticas sociais e emprego”.

Para a deputada, as contas da Xunta  non recuperan  condicións e dereitos, nin os  servizos públicos fondamente danados. Neste sentido, engadiu que son insuficientes e  que parten dunha “diagnose errada”. “Os orzamentos están  limitados de partida por un corsé político que frea  a nosa capacidade de gasto”.

INGRESOS

Fronte á política impositiva de carácter regresivo que defende o Partido popular, Presas  propuxo incrementar os ingresos “espremendo o autogoberno para reconfigurar o actual sistema impositivo”  cunha maior progresividade para que realmente pague máis quen máis ten máis redundando  no alivio das capas sociais máis vulnerábeis. En canto o Imposto sobre o patrimonio, “melloramos a súa progresividade reducindo o mínimo exento e modificando a tarifa daqueles máis elevados para obter un incremento 37 millóns”.

Asemade, suprimimos as modificacións regresivas do Partido Popular a respecto do Imposto de Sucesións e Doazóns para incrementar ata 45 millóns e non   renunciamos a crear  un  novo imposto que grave as Grandes Superficies Comerciais  para ingresar 30 M€.

 Por outra parte,  sobre o  tramo galego do IRPF propuxo  un novo tipo aplicable  ás rendas superiores a 120.000, cunha suba ao 25,5%, que permitiría obter arredor de 23 millóns de euros máis.

Estas modificacións configurarían, dixo,  un sistema fiscal máis xusto e progresivo ao tempo que sumaría ata 135 millóns de euros máis para destinar á cobertura das emerxencias sociais, á mellora dos servizos públicos básicos e á dinamización dos sectores produtivos. 

PRIORIDADES DE GASTO

O seguinte bloque de emendas, explicou,  representa, “fronte ao modelo da improvisación e  desregulación, un modelo político , económico  e social  alternativo, baseado na “xustiza social, no reforzo dos servizos básicos, na participación pública e na intervención no tecido produtivo”.

Levamos tempo advertindo da adhesión do Partido Popular ao modelo da consolidación da pobreza e a precariedade, que  reforza coas súas políticas, en Galiza e en Madrid, e asume  as consecuencias da crise como piares válidos sobre os que sustentar o crecemento. 

NOVO MODELO DE PROTECCIÓN SOCIAL 

Nós non nos resignamos porque hai alternativa e  detrás do modelo económico e social hai unha escolla.  Nós eliximos  apostar por un novo modelo de protección social para superar a “precariedade e a pobreza.”

Malia incrementárense os orzamentos de Sanidade e Ensino a respecto das contas de 2017, afondan na mesma liña política seguida desde o ano 2009, non compensan os recortes acumulados nin os postos de traballo destruídos e precarizados por iso, dende o BNG reclamamos incrementar persoal e  recursos cun Plan de Recuperación no ensino con 70 M€ e na Sanidade con 80€.

A semana pasada narrou a deputada,  a prensa facíase eco dun traballador ao que o SERGAS fixera máis de 270 contratos en 5 anos. “Teñen vostedes máis de 60.000 persoas nas listas temporais e pretenden que nos creamos que cun Plan de estabilidade  é suficiente?, cuestionou.

Entre os programas destinados a mellorar a calidade no ensino destacou: a recuperación do préstamo universal de libros de texto (12M€), a ampliación de comedores escolares (5M€,) reforzo da investigación e das bolsas universitarias (11+18=29M€),  reducir as listas de agarda e reverter as derivacións á privada desde a sanidade pública, 53M€.

E intolerable que  sendo Galiza unha das comunidades máis envellecidas do estado, o gasto do sistema de dependencia por habitante sexa inferior á media Estado. É preciso aumentar os recursos para rematar as listas de espera, tanto de discapacidade como de dependencia, para o que destinamos 14M€, 12 M€ para a Renda de Garantía Social, e 40 M€ destinados ao Fondo Extraordinario de perceptores subsidios e pensións non contributivas

Ademais, a parlamentaria propuxo medidas para frear a fraude laboral e atemporalidade, 1M€,  e estabelecer o retorno das e dos galegos expulsados do noso país, especialmente da mocidade porque dende o ano 2009 perdemos máis de 237.000 persoas polo que volveu reclamar poñer en marcha o “Plan Retorna proposto polo BNG cunha dotación de 54 millóns de euros”.

“Tamén presentamos unha partida específica para reforzar o que debera ser unha prioridade política: a loita contra a violencia machista. É hora de darmos un salto cuantitativo e cualitativo destinando o 1% dos Orzamentos á prevención e erradicación da violencia. En xaneiro chegamos a un acordo. Todas e todos cedimos e vemos con desesperación que para vostedes xa chegou, xa tiveron o titular e agora pretenden que nos conformemos”.

Unha banca pública galega,  o retorno das empresas de matriz galegas desprazadas ao estranxeiro,  impulsar a industrialización e o emprego a través do I+D+i e un Novo modelo forestal de Galiza cunha  dotación de 14 M€ foron parte das propostas do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG