BNG presenta máis de 30 emendas para incrementar en 260 millóns de euros o investimento na comarca da Coruña

Francisco Jorquera e Néstor Rego
Francisco Jorquera e Néstor Rego

Néstor Rego aposta pola modernización da rede ferroviaria interna e a implantación das cercanías ferroviarias na área de influencia da Coruña: “é cuestión de vontade política” asegura

Francisco Jorquera, candidato do BNG á alcaldía da Coruña, defende impulsar os proxectos en infraestruturas pendentes na cidade: Observatorio Meteorolóxico, Centro Oceanográfico, Cidade das TIC, rehabilitación do antigo cárcere e liberación dos terreos do porto interior, entre as máis destacadas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal e candidato da frente nacionalista á alcaldía da Coruña, Paco Jorquera, presentan as máis de 30 emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado de 2023 para a comarca e a cidade da Coruña por un montante total de máis de 260 millóns de euros. A organización nacionalista focalizará a negociación no incremento dos investimentos en materia de infraestruturas -sobre todo en materia ferroviaria coa modernización de liñas e a implantación dos cercanías- e servizos. Así mesmo, demandan a implicación do Goberno na reforma de instalacións e edificios de titularidade estatal para impulsar A Coruña e dotala de máis e mellores servizos.

A organización nacionalista avaliou os Orzamentos nas pasadas semanas sinalando o estancamento dos investimentos na Galiza para 2023. Pola conta, o proxecto presentado polo executivo incrementa os investimentos na maioría de territorios como, por exemplo, en Andalucía que sobe 2,3%, na Comunidade de Madrid cunha suba de 13,4% ou Navarra cun incremento do investimento de 34,73%. “Estes orzamentos constitúen a nula vontade do Goberno do Estado para que a Galiza supere o déficit histórico que sofre en materias como a mobilidade, sobre todo en infraestruturas ferroviarias, ou servizos.

Para o deputado nacionalista, o Goberno está a cumprir só os compromisos adquiridos “para contentar a OTAN e o negocio do complexo militar estadounidense” mais continúan sen “subir as pensións mínimas até o 60% do Salario Medio e superar a fenda territorial e a de xénero”. Nin, explica Rego, recollen partidas suficientes para asumir 50% das axudas á dependencia.

Tampouco recollen partidas para atallar solucións á crise industrial que atravesa á Galiza e apostar por unha transición verdadeiramente xusta, así como transferir os 3.000 inmóbeis da SAREB á Galiza para posibilitar unha política de vivenda pública e unha vivenda de aluguer, entre outras cuestións.

Infraestruturas ferroviarias e conexión da área de influencia

“O BNG presenta emendas aos Orzamentos do Estado co obxectivo fundamental de mellorar o investimento no noso País xa que a proposta presentada polo Goberno do Estado non soluciona o déficit histórico, sobre todo en materia de infraestruturas -a destacar as ferroviarias- e servizos” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, subliñou que estas emendas tamén buscan incorporar medidas políticas de carácter social que contribúan a paliar a crise económica e social provocada pola suba de prezos.

“A mobilidade ferroviaria é a mobilidade do futuro. É un medio de transporte eficiente, eficaz e sustentábel. Se queremos diminuír o uso do vehículo particular, temos que prever e prover medios de transporte público” enfatiza Rego. Neste sentido, a frente nacionalista rexistra emendas para a modernización ferroviaria nas liñas A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol, que leva máis de cen anos -desde 1913- sen modernizar nin modificacións significativas.

Precisamente en materia de transporte ferroviario, o deputado sinala que o Goberno, unha vez máis, non ten a vontade de implantar o servizo de cercanías na Galiza mais si noutros puntos do Estado que xa o posúen. “Non se explica como a rexión da Coruña-Ferrol, que conta con máis de 650.000 habitantes, non conte co servizo de cercanías mais outras áreas con, por exemplo, 270.000 habitantes xa o posúan” denuncia o deputado nacionalista que sinala a falta de vontade política do Goberno de coalición.

Por outra banda, Rego reclamará, durante a negociación do proxecto, a reforma da Avenida da Vedra (AC-11) por petición do grupo municipal do BNG, xa que esta é a principal vía de entrada e saída a cidade. “Pretendemos mellorar a relación coa trama urbana e mellorar a seguranza viaria. O Goberno comprometeuse hai tempo con esta obra, agora debe cumprila” asevera. Tamén demandará dunha dotación suficiente para a reforma da Ponte da Pasaxe (AC-12) que conecta os termos municipais da Coruña e Oleiros.

Impulsar o proxecto de cidade da Coruña

“Propoñemos tamén a inclusión dunha partida de 5 millóns de euros destinada á Cidade das TIC. Este é un proxecto de importancia estratéxica para o a nosa cidade e comarca, chamada a constituírse nun polo de referencia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación dixital” subliña o voceiro municipal do BNG e candidato á alcaldía da Coruña. Francisco Jorquera explica que, para seguir avanzando nesa dirección, é necesaria unha maior colaboración da Administración Xeral do Estado.

Outra emenda rexistrada, apuntou Jorquera, ten por obxecto dotar a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico -para a súa posterior cesión ao Concello da Coruña- que axuden a adecuar os terreos “para facer realidade o parque da Agra do Orzán, un dos barrios con maior densidade de poboación de Europa”.

“Sobre todo, quero destacar unha emenda cunha dotación de 200 millóns de euros para a fachada marítima da Coruña. Unha cantidade equivalente á débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado” enfatiza o candidato á alcaldía. O Goberno do Estado segue negando ao Porto da Coruña o que concede a outros portos de interese xeral, como aconteceu co Porto de Valencia, por iso “exiximos que o Estado contribúa á transformación dos terreos do porto interior da Coruña -titularidade estatal- por unha cantidade equivalente á débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Portos do Estado “acometendo a súa transformación, en colaboración co Concello da Coruña e outras administracións, e asegurando o mantemento da titularidade dos usos públicos dos terreos”.

Así mesmo, destaca o rexistro de emendas presentadas para a rehabilitación e a posta en valor de edificios e monumentos históricos como o Antigo Cárcere da Coruña- como paso previo para unha posterior cesión ao Concello da Coruña- e as obras de reforma do Centro Oceanográfico, que xa carecía de partidas orzamentarias no anterior proxecto para 2022 a pesar do grave deterioro do edificio dependente do Instituto Español de Oceanografía.

Aumento do investimento na comarca da Coruña

Así mesmo, o deputado no Congreso e o candidato á alcaldía fixeron fincapé na necesidade de asegurar a dotación dunha partida suficiente -4 millóns de euros- para a rexeneración da Ría do Burgo co obxectivo de evitar máis retrasos na súa execución, demandada desde hai décadas. “Canto antes se leve a cabo a depuración das augas da Ría, antes poderán retomar a actividade as mariscadoras e mariscadores, cunha Ría ao máximo rendemento” destacan.

En materia de estradas o BNG presenta emendas para incrementar a dotación para A cuarta ronda -que conecta co porto exterior-, a conexión da AP-9 coa AC-14 e a conexión da AC-415 coa Autovía de acceso ao Porto Exterior. Outras, segundo explica Rego, para a realización de melloras nas estradas de titularidade estatal existentes na comarca como a AP-9, a N-550-en varios núcleos do Concello de Cambre e no de Carral- e a N-VI, destinadas a maioría delas a mellorar a seguranza viaria e a integración das mesmas polos núcleos urbanos que atravesan.

“Queremos que se acometan actuacións de rexeneración de areais e espazos costeiros en Oleiros, rehabilitar o edificio da Terraza en Sada para transferir a súa titularidade ao ente municipal; dotar dun Centro de Interpretación ao Castro de Punta Langosteira e mesmo acondicionar o  Pazo de Albedro para usos socio-sanitarios ou realizar un estudo para o illamento de vivendas afectadas pola pegada sonora do aeroporto” enumera o deputado do BNG no Congreso.

Ambos representantes coinciden en que estas emendas pretenden corrixir uns orzamentos claramente insuficientes con respecto aos investimentos na cidade da Coruña, a súa comarca e para o conxunto da Galiza, ante as ausencias clamorosas do proxecto presentados polo executivo. “Damos marxe á negociación porque entendemos que este proxecto dista moito de solucionar os problemas que atravesa a cidadanía na actualidade” explican mentres advirte que o voto final do BNG dependerá do resultado das negociacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG