O BNG presenta iniciativas parlamentarias para combater os efectos da crise sanitaria e económica

Montse Prado
Montse Prado

Uso de máscaras, situación das residencias, curso académico, violencia machista, persoal sanitario, autónomos, comercio de proximidade, entre as cuestións a tratar

Prado: “Hai que acabar coa anormalidade democrática dun Parlamento a medio gas no medio da pandemia e sumar propostas e medidas para axudar a saír da crise”

O BNG ven de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para o seu debate no Parlamento Galego co dobre obxectivo de sumar e colaborar con propostas para paliar as consecuencias da pandemia, tanto no sanitario como no económico, e para reactivar un Parlamento que apenas ten actividade pese a que Galiza afronta unha crise sen precedentes.

Como explica a viceportavoz segunda e representante do Bloque na Deputación Permanente, Montse Prado, “o obxectivo desta batería de medidas é dobre: por un lado saír da anomalía democrática de ter un Parlamento a medio gas polo rodillo do PP, precisamente cando o Parlamento debería estar máis activo ca nunca. E por outro lado, aportar ideas, propostas e medidas para axudar a saír da crise tanto no sanitario como no económico. O BNG volve mostrar a súa vontade de colaborar co Goberno galego, como fixemos desde o primeiro momento, ante esta situación excepcional, que ten consecuencias moi graves para milleiros de familias e para o conxunto do país”.

Entre os temas suscitados polo Bloque o uso das máscaras e a súa distribución gratuíta entre a poboación; a situación das residencias da terceira idade coa proposta de trasladar a todos os maiores contaxiados a un centro hospitalario para recibir a mellor atención sanitaria posible. Tamén as condicións de traballo do persoal sanitario, tanto no relativo á sua protección como a precariedade laboral derivada dos contratos do SERGAS en plena pandemia, reproducindo a inestabilidade anterior ao coronavirus con contratacións de semanas e mesmo de días ou a rescisión laboral en caso de ser afectados polo Covid-19.

A violencia machista igualmente entre as iniciativas presentada, solicitando á Xunta que faga seguimento desta cuestión, que reforme o control e que habilite todos os mecanismos de asesoramento e axuda ás mulleres.

O aspecto económico acapara unha parte das proposicións non de lei presentadas polo Bloque, especialmente as dirixidas á situación dos e das traballadoras autónomas, -210.000 en Galiza-, así como a vulnerabilidade económica dos máis de 200.000 galegos e galegas afectadas por un ERTE. No primeiro caso, a formación que lidera Ana Pontón demanda unha axuda autonómica de pago único de até 2.000€ compatible coas habilitadas polo Estado, e propón tamén a creación dunha Mesa económica e social entre forzas políticas, goberno e axentes sociais para establecer unha estratexia de país para abordar o brutal impacto que a pandemia está a ter na económica e no emprego.

No ámbito económico, o BNG pon o foco no pequeno comercio e nos mercados de proximidade. No primeiro caso, aposta por un plan de impulso ao comercio local para garantir a supervivencia dunha actividade que ademais de xerar miles de empregos é clave para a dinamización social de vilas e cidades. En canto aos mercados de proximidade agroalimentarios, propón que se autorice a súa reapertura en colaboración cos concellos, para garantir a cidadanía o acceso a produtos esenciais, todo co correspondente protocolo de seguridade como se aplica noutros establecemento de alimentación.

Manobras dilatorias do PP

O curso académico acapara varias das iniciativas rexistradas pola formación nacionalista, que propón unha mesa de diálogo coa comunidade educativa, incluíndo ANPAS e aos sindicatos do ensino, coa finalidade de buscar a mellor alternativa para o alumnado e evitar discriminacións derivadas da fenda dixital que non garante a igualdade de oportunidades no acceso aos contidos educativos.

En definitiva, o Bloque quere activar ao máximo a actividade parlamentaria para que o poder lexislativo aporte á resolución da crise exercendo o labor de control do Goberno e de impulso de medidas que lle corresponde, deixando atrás a mordaza do PP, que mesmo bota man de manobras dilatorias e obstrucionistas para evitar a comparecencia do presidente da Xunta. Un xefe do Executivo que, como denuncia a portavoz nacional, Ana Pontón, “escapa” do Parlamento, ao que só acudiu unha vez desde a declaración do estado de alarma o 14 de marzo, mentres si ten tempo para comparecer case a diario na TVG, con 19 roldas de prensa e case mil minutos de pantalla no último mes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG