BNG presenta a estratexia ambiental para unha Galiza verde líder en desenvolvemento sostible e contra o cambio climático

Galiza é verde
Galiza é verde

Pontón: “Son un arsenal de propostas desde o País para afrontar a crise ambiental e climática con criterios de equidade e de xustiza que responden á preocupación da sociedade, en particular da xente moza”

É a alternativa á política de degradación, destrución e depredación do territorio que practica o Goberno de Feixóo, un “kamikaze” ambiental

Inclúe medidas en sete grandes ámbitos de actuación: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía

A pandemia fixo máis evidente a urxencia de afrontar a crise ambiental e climática, un reto ao que Galiza debe responder con solucións propias pensadas desde e para o País. Con este obxectivo, o BNG deseñou unha estratexia ambiental presentada pola portavoz nacional, Ana Pontón, no Parque Eugenio Granell en Santiago, lugar simbólico da Galiza verde que propugna o Bloque, fronte ao modelo de depredación do territorio e do espolio dos recursos.

“A emerxencia ambiental e climática é máis evidente así como a necesidade de afrontalas con solucións propias e con criterios de equidade e xustiza social”, indicou Pontón, alertando contra os que se poñen “o traxe ecoloxista” pero buscan “converter o verde nunha xigantesca maquinaria de facer negocio”.

A estratexia ambiental do BNG ten como finalidade “romper cun modelo depredador e extractivo que asigna a Galiza o papel de mera subministradora de materias primas e de enerxía, cun forte impacto ambiental e, por riba, con escaso valor engadido”, declara. E quere revisar un modelo económico “asentado no espolio dos recursos naturais, no hiperconsumismo, na cultura de usar e tirar, no dispendio de bens vitais pero finitos como a auga provocando, ademais, unha xeración excesiva de residuos”.

Galiza é verdeCoa súa estratexia ambiental, o  BNG quere sumar forzas cunha sociedade que, cada vez máis, cuestiona o sistema dominante que empobrece o territorio, en particular as novas xeracións conscientes de que hoxe se decide o futuro do planeta no que terán que vivir.

“Compartimos a súa preocupación polo deterioro do medio, polo impacto de actividades industriais e extractivas, polo dispendio de recursos naturais, a invasión de plásticos, a calidade do aire que respiramos e dos alimentos que comemos, pola roupa que vestimos ou pola auga que bebemos”, enumerou Pontón. Un BNG que afronta o futuro con lentes “verdes e lila”, sintetizou en referencia aos dous grandes movementos sociais: ecoloxismo e feminismo.

A estratexia ambiental nacionalista inclúe trinta propostas de actuación en sete grandes  ámbitos: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía, para actuar no só no medio natural, senón particularmente no rural e  urbano de onde parten as principais causas da emerxencia ambiental. Propostas para frear a perda de biodiversidade, o risco de grandes incendios, a contaminación ou os problemas vinculados á escaseza de auga, entre outras cuestións.

Pontón contrapuxo o modelo ambiental e ecoloxista do Bloque co  modelo do PP auspiciado por un Feixóo que cualificou de “kamikaze” ambiental.

“Avanza na política das 3Ds, -destrución, degradación e depredación-, poñendo a riqueza de Galiza nas mans dos lobbies enerxético, forestal e mineiro que actúan  como goberno na sombra ditando as normas que lle permitan espremer os recursos do País”, denunciou, “por iso o BNG apoia a loita contra a invasión eólica, porque a enerxía renovable non pode ser escusa para o espolio e a ocupación abusiva do territorio”.

Fronte a “barra libre” e “as portas xiratorias” que practica o PP, a estratexia ambiental do Bloque, da que a portavoz nacional avanzou as medidas máis importantes nos sete ámbitos de actuación citados.

Galiza é verde Fondo de conservación da natureza

En materia de biodiversidade, a creación dun Fondo de conservación da natureza cun investimento de 100 M€, converter en rede natura o 20% do territorio, un plan para combater a fragmentación de hábitats e un plan que aborde a xestión de especies exóticas e invasoras.

En materia enerxética, a esencia da proposta nacionalista é que a enerxía sexa considerada un ben público e un sector estratéxico, de aí a proposta dunha empresa pública de enerxía. Igualmente, aposta clara polo aforro e a eficiencia enerxéticas en todos os ámbitos, polas renovables e polo fomento do autoconsumo nas comunidades locais.

No relativo á axenda urbana, a principal proposta pasa pola elaboración participativa da Axenda Urbana Galega 2030, inspirándose nas estratexias de éxito desenvolvidas en todo o mundo pero adaptadas á realidade do País e sumando solucións propias. Neste sentido, o BNG toma como referencia o modelo dos seus concellos que prima a calidade de vida, o equilibrio ambiental e o dinamismo socioeconómico e cultural.

No ámbito da mobilidade, fomento do transporte público e da intermodalidade, que combine bus, tren, transporte marítimo e tamén a mobilidade ciclista. En relación a xestión da auga, deseñar a Estratexia da auga 2030, incluíndo a conservación dos acuíferos superficiais e subterráneas, o consumo responsable e a modernización das redes municipais de abastecemento de auga, así como a rexeneración integral das rías.

Bioeconomía e fiscalidade verde

Igualmente, reducir ao mínimo a xeración de residuos como plásticos, os de orixe industrial, da construción e agrogandeiros. E, en relación á bioeconomía, impulsar as actividades económicas sustentables na fase de produción, transformación e comercialización, promovendo circuítos curtos, km0 e mercados de proximidade. Finalmente, medidas lexislativas e de goberno para reforzar a protección ambiental e a loita contra a emerxencia climática incluíndo unha proposta de fiscalidade verde.

“Son as proposta dun BNG verde, ecoloxista que sintoniza coas preocupacións da sociedade, en especial da xente moza, con respostas aos desafíos ambientais, un arsenal de ideas para facer de Galiza un referente do desenvolvemento sostíbel e da loita contra a emerxencia ambiental e a crise climática”, salientou Pontón, indicando que esa estratexia será “socializala” co obxectivo de enriquecela e mellorala.

“A política ten que estar pegada á terra e ás persoas, os retos son grandes e as solucións non son fáciles, requírese audacia e ambición nas propostas, e o BNG vai dar o mellor para construír a Galiza que queremos, dona de si, próspera, innovadora, científica, feminista e verde e imos construíla colectivamente”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG