Parlamento Galego

O BNG presenta alegacións ao proxecto lei de transición enerxética para recoller as propostas do sector mar-industria

Rosana Pérez
Rosana Pérez
O BNG presenta unha proposición non de lei de cara a conseguir a supresión do artigo 18 do actual Proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética así como consensuar co sector mar-industria galego calquera modificación da lei de costas no referido á vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.

A portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, explica na iniciativa que o actual proxecto, actualmente en período de emendas, está a causar gran preocupación no tecido mar-industria.

“É preciso lexislar para favorecer unha transición de cara ao uso das enerxías renovábeis que contribúan a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e para paliar os efectos presentes e futuros do cambio climático, -entende Pérez-, pero o artigo 18 do texto normativo prexudica ao tecido mar-industria galego,  que ademais representa en xeral unha actividade sostíbel”.

De feito, explica, ese punto do proxecto de lei modifica de facto a Lei de costas e suscita unha discrepancia entre o sector e o ministerio sobre a vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.

“O peso estratéxico desas industrias para a economía galega, tanto en número de empregos como en importancia socioeconómica, require certidume e a máxima seguridade xurídica para potenciar o valor da cadea do sector marítimo alimentario que dificilmente tería alternativa nas comarcas onde está asentada e, dende logo, antes de calquera modificación,  necesita de diálogo co conxunto dos afectados”, alega a deputada nacionalista.

Rosana Pérez apela á relevancia social, laboral e económica de ducias de empresas ubicadas no litoral, que rexeitan unha modificación da lei de costas que altera a vixencia das concesións administrativas. O propio ministerio viuse obrigado a emitir un comunicado comprometéndose a contar co sector na reforma da lei de Costas.

Pero a medida que avanza o prazo de emendas, as distintas manifestacións dos responsábeis do proxecto crearon máis confusión, inseguridade e preocupación, e tampouco contribuíu a disipar esa confusión a Xunta cunha valoración do proxecto a través de datos que nada teñen a ver coa realidade, mesturando o que recolle a lexislación vixente sobre concesións administrativas en dominio público marítimo-terrestre para o sector mar-industria con outras actividades e instalacións. Por iso o BNG pide a supresión do artigo 18 a través dunha proposición non de lei.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG