O BNG presenta 40 propostas para recuperar os dereitos sociais e laborais e empoderar Galiza

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

Ponencia en defensa do dereito a decidir, reprobación de Rajoy e Pastor polo veto á AP9 e declaración institucional de apoio ao pobo catalá apostando polo diálogo e a democracia

Subir a pensión mínima ata o SMI, plan de choque contra o desemprego e a precariedade, acabar coas listas de agarda na dependencia, renda social contra a exclusión e blindar servizos públicos básicos

As 40 propostas de resolución que presenta o BNG pretenden un dobre obxectivo: recuperar os dereitos sociais e laborais perdidos en nove anos de Goberno do PP e iniciar un debate l para avanzar no autogoberno e no dereito a decidir de Galiza, superando o actual marco da constitución e do estatuto, e consensuar unha vía galega para evitar quedar atrás.

“Estamos nun momento decisivo e o peor é quedarse de brazos cruzados, o peor é o inmobilismo”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón,  “Galiza ten que buscar a súa propia folla de ruta que lle permita empoderarse para mellorar a vida dos galegos e das galegas” e para iso o Bloque propón a creación dunha ponencia no Parlamento para superar o “corsé” do Estatuto e da Constitución e avanzar no autogoberno e no dereito a decidir, único camiño para construír un país mellor.

En relación á recuperación de dereitos sociais e laborais, o BNG propón subir as pensións mínimas de xubilación e equiparalas co SMI (707,7 € por 14 mensualidades), incluíndo ás persoas empregadas a tempo parcial, e incrementar as pensións non contributivas. Crear unha renda social básica para evitar a exclusión derivada da pobreza extrema, acabar coa lista de agarda das persoas dependentes garantindo o cobro da prestación, empezando por reclamar ao Estado os 150 M€ de recorte en dependencia.

En materia laboral, plan de choque contra o desemprego e a precariedade principalmente enfocado á mocidade, mulleres e parados de longa duración, - colectivos máis vulnerables-, e tamén medidas a favor dos autónomos, modificando o seu réxime para que coticen en función dos ingresos.

Retirar a reforma da Lei de Saúde, mellorar a atención na sanidade primaria e recuperar investimentos e persoal. Para a educación pública, blindar o 7% do orzamento autonómico en 2018, ao igual que propón destinar o 1% (90M€) a loita contra a violencia machista.

Galiza co pobo de Catalunya

A destacar tamén a proposta de resolución Galiza coa democracia e os dereitos do pobo catalán para que o Parlamento condene a violencia exercida polo Estado español contra o pobo de Catalunya, a través das cargas policiais, detencións, rexistros e intimidacións a cargos e funcionarios públicos. E por outro lado, reclamar diálogo e mediación internacional en aras dunha solución política e democrática que respecte o dereito dos pobos a decidir.

“Ese é o talante dos galegos e das galegas, e o que fixo o señor Feijóo no se discurso pechando á porta ao diálogo foi darlle as costas a esa maneira de ser dialógante do pobo galego”, alegou Pontón.

Completan as propostas do BNG, a reprobación de Mariano Rajoy e de Ana Pastor polo veto a AP9 así como unha comisión para estudar o rescate desta infraestrutura, a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois, -“Feijóo foi o primeiro en levantar a man para ir a explicarse a Madrid, pero onde ten que facelo e no parlamento do país onde se produciu a traxedia”-, salientou Pontón, así como unha comisión de seguimento dos investimentos do Estado.

Recuperación do Pazo de Meirás e outros bens espoliados polo franquismo, novo modelo de financiamento e medidas para preservar os dereitos lingüísticos, completan as propostas do Bloque no debate do estado da nación, “onde vimos un Feijóo convertido nun Dorian Gray incapaz de asumir o retrato que deixa a súa política na vidas dos e das galegas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG