BNG presenta 170 propostas para saír da crise e acusa ao PP de ter paralizada a comisión parlamentaria de reactivación

Olalla Rodil, Ana Pontón e Noa Presas
Olalla Rodil, Ana Pontón e Noa Presas

Pontón: “para Feixóo a comisión é un simulacro pois a oferta de diálogo nunca foi sincera e quere aplicarlle a mesma estratexia que coas caixas”

Cinco ámbitos coas prioridades que o Bloque plasma no ditame: servizos públicos, intervención na economía, novo modelo produtivo, estratexia ambiental e dixital, igualdade e dereitos sociais

BNG presenta 170 propostas para saír da crise e acusa ao PP de ter paralizada a comisión parlamentaria de reactivación

BNG denuncia a “parálise” en que o PP mantén a comisión parlamentaria de reactivación nove meses despois da súa creación, seguindo a estratexia que xa utilizou para boicotear a comisión de investigación das caixas de aforro, nun claro intento de anular ao Parlamento e as propostas da formación nacionalista.

“Tanto o PP como o goberno da Xunta utilizaron esta comisión como unha pantalla, coma un simulacro porque a súa oferta de diálogo nunca foi sincera como demostra o feito de que apenas reservan migallas do orzamento para os proxectos da comisión e que nove meses despois da súa constitución non se teña avanzado nada”, denuncia a portavoz nacional, Ana Pontón.

“A estas alturas estamos sen un plan de país para enfrontar a reactivación, cun PP que actúa con opacidade e pretende que os fondos cheguen as grandes empresas ignorando ás PEMES. Por contra, o BNG aposta pola descentralización, polo tecido produtivo de base e por unha saída xusta da crise”, alegou Pontón, tras anunciar o rexistro inmediato do ditame, con 170 medidas a curto, medio e longo prazo para encarar a reactivación económica, social e cultural da Galiza post-Covid.

“Medidas transformadoras para un novo modelo económico verde baseado na ciencia e na investigación, que fomente a creación de emprego, favoreza o equilibrio medioambiental e a igualdade de xénero, conscientes de que as decisións que tomemos determinarán o modelo de sociedade e de país para as próximas décadas”,  argumentou a líder nacionalista, quen avanzou as propostas do Bloque deseñadas para unha saída xusta da crise.

As medidas recollidas no ditame aglutínanse arredor de cinco grandes propostas de actuación: servizos públicos, intervención pública na economía, reorientación do modelo produtivo en base á I+D+i, estratexia ambiental e dixital e igualdade e dereitos sociais.

No primeiro punto, o obxectivo é blindar a sanidade, a atención aos maiores e a educación fronte ao modelo privatizador do PP, garantindo o equilibrio territorial e a cohesión social. Neste ámbito, o BNG insiste en investigar o sucedido nas residencias durante a pandemia e ir a un novo modelo de coidados da vellez que debe empezar pola xestión pública directa das sete residencias proxectadas nas cidades e da man dunha nova lei de residencias.

En relación á sanidade, urxe reforzar a atención primaria que debe recibir o 25% do orzamentos do SERGAS, -hoxe é do 15%-, para recuperar a atención presencial e acabar coas listas de espera inéditas en primaria. En materia de Educación, reforzar o ensino público nun contexto de no que o PP impulsa unha universidade privada.

Contratación pública responsable

O Bloque ve necesario intervir na economía desde a Administración, por exemplo apostando por unha contratación responsable que inclúa cláusulas sociais, a creación dunha banca pública como instrumento financeiro ao servizo da economía real e dos sectores produtivos ou para aportar capital para desenvolver accións estratéxicas de país.

Igualmente, reorientar o modelo económico desde a ciencia e a investigación, apostando pola tecnolóxica, a creación de coñecemento e a actividade industrial.

INNOGAL e 25% de sector de PIB industrial

Nesa dirección, o ditame fixa como obxectivo que o 25% do PIB sexa aportado polo sector industrial no horizonte 2030, un pacto galego pola ciencia e a creación do INNOGAL como programa de atracción de persoal investigador e para fortalecer a I+D+i, e potenciar sectores de futuro como a automoción, naval, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal, agroindustria e mar-industria.

En canto á estratexia ambiental, o obxectivo é mudar o  modelo depredador e extractivo que asigna a Galiza o papel de mera subministradora de materias primas e de enerxía, cun forte impacto ambiental e, por riba, con escaso valor engadido. Ademais, impulsar a transformación dixital inclusiva a través dun consorcio específico coa participación da Xunta, concellos e universidades.

Evitar a emigración dunha nova xeración de mozas e mozos

Finalmente, no ámbito da igualdade e dereitos sociais, o ditame inclúe medidas a favor do dereito efectivo a unha vivenda, a través dunha estratexia que incremente o parqué publico de vivendas, porque non é razoable que sexa un elemento de exclusión social nun país con 300 mil vivenda baleiras, moitas en mans de bancos e fondos de especulación.

Este quinto eixo inclúe medidas para fomentar o emprego nos colectivos con máis dificultades para encontrar traballo, como as mulleres e a xente moza, de tal xeito que, indicou Pontón, “debe ser un obxectivo de País impedir que unha nova xeración e mozos e mozas emigren”. E medidas tamén a favor da igualdade real co obxectivo de conseguir unha Galiza libre de violencias machistas, concluíu Pontón, tras agradecer o traballo de Olalla Rodil e Noa Presas como coordinadoras do ditame do BNG na comisión de reactivación.

 

BNG presenta 170 propostas para saír da crise e acusa ao PP de ter paralizada a comisión parlamentaria de reactivación