O BNG prepara unha Lei Galega da Memoria Histórica que supoña recoñecemento e reparación ás vítimas

Luís Bará e Mini con colectivos da memoria histórica
Luís Bará e Mini con colectivos da memoria histórica

Inclúe anular os xuízos do franquismo, suprimir toda a simboloxía fascista, institucionalizar o Día da Galiza Mártir de Bóveda e declarar San Simón illa da memoria

Bará: “A mellor maneira de homenaxear ás vítimas e traelas ao presente e tomar os seus ideais para construír unha sociedade mellor”

 

O BNG quere que Galiza conte cunha lei propia de memoria histórica que supoña un recoñemento das vítimas do fascismo e lles brinde unha reparación xurídica e económica. Por iso, redacta un texto que pretende levar ao Parlamento no próximo curso político que hoxe compartiu cos representantes de asociacións, entidades e investigador@s nesta materia, para coñecer a súa valoración e poder incorporar as súas propostas.

Coincidindo coa data do 81 aniversario do golpe de estado o deputado e coordinador do proxecto de lei, Luís Bará, reivindicou unha política pública da memoria desde o Goberno con máximo rango institucional, “que sexa transversal e participativa”, porque a mellor maneira de homenaxear as vítimas é coñecer esta etapa “negra” da historia “e tomar os seus ideais para axudarnos a construír unha sociedade mellor”.

O texto lexislativo que prepara o BNG inclúe anular todos os xuízos e as condenas ditadas polos tribunais “ilexítimos” do franquismo entre 1936-197, exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns cun plan específico e a supresión de toda a simboloxía fascista, “porque é inconcibible que a día de hoxe aínda persistan símbolos, distincións e honores aprobados pola ditadura”, denunciou.

Neste sentido, considera “aberrante” que a familia Franco sega utilizando para o seu goce particular o Pazo de Meirás, polo que de xeito inmediato a formación nacionalista pide que se cumpra o réxime de visitas previsto no BIC e iniciar o estudio para a súa expropiación como ben público no curto prazo, así como a devolución das terras aos lexítimos propietarios.

Bará avanzou que a o proxecto de lei que redacta o Bloque propón a creación dun consello galego da memoria que inclúa a todas as entidades que traballan neste ámbito, e declarar institucional o Día da Galiza Mártir como data de homenaxe a todas as vítimas da represión simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda.

Igualmente, a proposta lexislativa incluirá un mapa de lugares da memoria e preservar o simbolismo de algúns lugares como a Illa de San Simón que o BNG quere declarar illa da memoria.

Comisión da verdade

A lei da memoria que ultima o BNG da especial relevancia á divulgación, polo que propón a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas así como a elaboración dun amplo estudo “non só da represión senón tamén da loita de resistencia contra o franquismo, como por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos”, indicou Bará.

“Coñecer esta etapa histórica negra é necesario para construír unha sociedade máis democrática, plural e máis xusta, porque esa é tamén a mellor maneira de homenaxear ás vítimas da represión fascista, traelas ao presente e tomar os seus ideais para axudarnos a construír unha sociedade mellor”, concluíu  o deputado que, xunto co parlamentario Xosé Luís Rivas, transmitiu o proxecto lexislativo a entidades, colectivos e persoas que traballan na  memoria histórica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG