O BNG pregunta á Xunta se vai paralizar os proxectos de Megaminaría

O BNG pregunta á Xunta se vai paralizar os proxectos de Megaminaría

O deputado do BNG, Francisco Jorquera afirmou que “Galiza non é unha mina” e o progreso non ven da man dun modelo esquilmador dos nosos recursos

Pleno.- O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as previsións da Xunta de Galiza a respecto dos proxectos de minaría e en concreto ao proxecto Isabela II que afecta aos concellos de Coristanco, Vimianzo, Zas, Santa Comba e Mazaricos.

O goberno galego trata a Galiza como unha colonia

O deputado afirmou que “Galiza non é unha mina” e o progreso non pode vir da man dun “modelo esquilmador dos nosos recursos”, do noso territorio e da nosa riqueza natural. Jorquera preguntou se ese é o modelo do Goberno, un modelo dixo, que significa “pan para hoxe e fame para maña”, un modelo que destrúe máis postos de traballo dos que crea e onde os beneficios emigran e os custes se internalizan.

Jorquera explicou que a minaría de ouro ten un compoñente especulativo e a súa viabilidade depende da cotización do metal nos mercados internacionais de capitais e por iso son rendíbeis as explotacións que usan métodos agresivos para reducir custes pero cando o mercado mundial do ouro acumule un exceso de oferta, “os prezos caerán, a empresa marchará e na zona ficarán solos estériles, augas contaminadas e unha paisaxe lunar” polo que instou á Xunta a adoptar algunha medida para paralizar os proxectos de megaminaría en Galiza.

Francisco Jorquera

Pola súa parte, o conselleiro de Industria asegurou que a megaminaría, “non existe” dende o punto de vista xurídico nin técnico. Sobre o proxecto Isabela II afirmou que “ é un permiso de investigación” que establece a riqueza que temos no noso país o que non significa que o proxecto sexa aprobado para súa explotación. Conde eludiu responder ao nacionalista sobre a paralización do proxecto.

Galiza xa ten o seu ouro, o vento

Na réplica, Jorquera respondeu ao conselleiro que “Galiza xa ten ouro, é o noso vento”. Neste sentido, lembrou que unha decisión ilegal recoñecida polo Supremo, provocou a ruína do noso sector eólico e nos di a nós que non queremos a industrialización de Galiza, o que non queremos é que traten a Galiza como unha colonia, “regalándolla a ENCE ou a empresas de megaminaría”.

A súa consellería somete a información pública a solicitude de permiso de investigación mineira Isabela II pero os dereitos mineiros poderán denegarse polo incumprimento dos requisitos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante e “ningunha das empresas do grupo avala dispor de capital, traxectoria o número de traballadores para executar un proxecto desa envergadura”, o mesmiño que pasou en Corcoesto, primeiro unha pequena empresa fai as prospeccións e logo unha multinacional executa o proxecto por iso, hoxe dende o BNG pedímoslle que “recapacite e paralice o proxecto”.

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG pregunta á Xunta se vai paralizar os proxectos de Megaminaría