O BNG pregunta a Feixóo se avala a xestión de López Veiga en Portos de Galiza tralo sinistro do Marisquiño

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará denuncia a confrontación entre PP e PSOE para evadir responsabilidades no accidente e pide aparcar os intereses partidistas

BNG tramita diversas iniciativas para exixir ao goberno que extreme as medidas de seguridade e control nos eventos

O deputado nacionalista, Luís Bará anunciou hoxe que o BNG tramita  diversas iniciativas para exixir ao goberno que extreme as medidas de seguridade e control en futuros eventos despois do accidente do Marisquiño rexistrado en Vigo no que resultaron feridas máis de 400 persoas.

O parlamentario avanzou que o BNG preguntará ao Presidente da Xunta “se avala a xestión” do presidente do Porto de Vigo, e se prevé “o seu relevo” xa que foi o propio Núñez Feixóo o responsable directo do nomeamento da Autoridade portuaria de Vigo. Nos últimos tempos, engadiu Bará,  foron propostas persoas cun claro perfil político e destacados cargos do Partido popular, como  Enrique López Veiga.

CONFRONTACIÓN XUNTA-CONCELLO DE VIGO  POR INTERESES PARTIDISTAS

Para o deputado do BNG, o sinistro do Marisquiño mostrou a grande solidariedade da xente e a profesionalidade dos corpos de seguridade, bombeiros e persoal  sanitario pero tamén comprobamos as decisións equivocadas das diferentes administracións que conduciron a un accidente con máis de 400 persoas afectadas. Resulta un “lamentable espectáculo”, dixo,  o enfrontamento entre o Partido popular e o Partido socialista e  sinalou pasados enfrontamentos do concello de Vigo e a Xunta en asuntos como a Área metropolitana,  transporte público, infraestruturas, Illas Cies... polo que fixo un chamamento “á cordura e responsabilidade” para substituír a confrontación pola colaboración e que os habitantes de Vigo non sigan pagando as consecuencias das trifulcas por intereses partidistas entre Xunta e concello. Bará apelou á “lealdade institucional” para aclarar o que aconteceu no Marisquiño e tomar as medidas precisas para que non se volva a repetir.

Luís Bará desexou unha pronta recuperación a todas as persoas afectadas polo derrube da plataforma no Náutico na festa do Marisquiño e reiterou o recoñecemento ao servizo de emerxencias e servizo sanitario ao que sumou a resposta cidadá. Agora, dixo é o momento de amosar a nosa preocupación polas persoas feridas pero tamén queremos saber as causas do accidente e exixir as responsabilidades que competen a diferentes administracións ante a gravidade dos feitos.

MELLORAS NA NORMATIVA DA LEI DE ESPECTÁCULOS

Para o BNG, afirmou, hai dúas cuestións fundamentais que hai que aclarar: O estado da infraestrutura onde se produciu o sinistro cando existían denuncias previas do sector do mar sobre a estrutura que mantiña a pasarela enriba do mar e do conxunto do paseo situado ao lado do edificio da Xunta de Galiza e “a pasividade e falta de respostas” por parte do concello de Vigo e a Autoridade portuaria sobre o mantemento e conservación e inspección.  “Chama a atención que se decidira  organizar o festival nun lugar do que se coñecía o estado do pavimento e da pasarela e que a zona fora destinada ao público” manifestou.

Finalmente, o parlamentario tamén se referiu a lei de Espectáculos da que dixo contén carencias e baleiros  polo que reclamou “aprobar criterios e normas comúns” para a celebración de eventos e espectáculos masivos porque  do sinistro do Marisquiño “temos que tomar nota” sobre os espazos, infraestruturas, aforos...e tomar medidas  para que non volva acontecer.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG