O BNG potenciará desde as institucións a integración das persoas con discapacidade intelectual

Visita a ASPAS
Visita a ASPAS

Ana Pontón pide compromiso á  Xunta para mellorar as condición de 44.995 persoas afectadas en Galiza por incapacidade intelectual 

Goretti Sanmartín reclama un novo centro en Santiago de Compostela para dar resposta a 3.000 persoas afectadas por discapacidade intelectual.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe á Xunta unha maior implicación e “recursos económicos” para potenciar a integración das persoas con discapacidade intelectual. Trala visita realizada ao centro da Asociación ASPAS en Santiago de Compostela, acompañada da portavoz municipal  e  candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín e o concelleiro, Rubén Cela, a portavoz nacionalista manifestou que a día de hoxe, a atención destas persoas continúa a cargo das familias e fundamentalmente “das mulleres” polo que reiterou a necesidade de dotar de recursos ás asociacións, sen ánimo de lucro, que están a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por discapacidade intelectual e as  súas familias.

A portavoz do BNG recolleu as demandas realizadas pola dirección da Asociación ASPAS entre as que destacou: O desenvolvemento do Concerto social e a carteira de servizos sociais e o  incremento de investimentos ás entidades para aumentar as prazas de residencias.

Por outra banda, asegurou que é preciso  desenvolver a Lei de Dependencia e reclamou o pago da “débeda histórica” que deixou o goberno de Raxoi que ascende a 189 M€. Dende o BNG,  “reclamaremos o pago da débeda” porque  en Galiza hai máis de 10.000 persoas sen prestación a pesar de ter recoñecido o dereito. Ademais,  pediu “unha maior flexibilidade” na aplicación da Lei co fin de  axilizar os trámites no proceso de integración das persoas afectadas por discapacidade e atención aos diferentes tipos de discapacidades.

SANMARTIN PIDE UN NOVO CENTRO PARA SANTIAGO

Á candidata á alcaldía  de Santiago, Goretti Sanmartín lembrou que no mes de decembro, o BNG defendeu unha moción para defender o incremento de prazas e recursos en Compostela e criticou o “abandono” da Xunta, tanto á hora de investir como no impulso e mellora da  conciliación. Para a candidata do BNG o goberno do Partido popular  deixou sen efecto iniciativas impulsadas polo bipartido e “desasistidas  infraestruturas” como garderías, residencias de maiores e mesmo axudas para persoas con diversidade funcional.

Para Sanmartín é urxente contar en Santiago cun “novo centro” para dar solución a máis de 3.000 persoas   afectadas por discapacidade intelectual

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG