O BNG pon sobre a mesa un plan de rescate de 28M para os sectores da Cultura con cargo aos orzamentos de 2021

Encontro cultura
Encontro cultura

Pontón destaca a “desesperación” dos e das creadoras, esquecidas polo Goberno da Xunta pese a que levan meses sen poder traballar

Propón destinar o 1% dos presupostos anuais, á cultura e incrementar o financiamento até o 1,5% en dez anos en liña cos países do entorno

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes dos sectores culturais para abordar a situación de “desesperación” na que se encontran os traballadores e traballadoras da cultura, sometidos a un peche case total desde o inicio da pandemia pero que figuran entres os máis esquecidos por parte da Administración, pese a que cultura é un dereito que ademais xera emprego e riqueza.

Se antes da COVID 19 a situación xa era de debilidade estrutural, “agora a situación é crítica e precisa de medidas urxentes no inmediato para saír da UCI e medidas a medio e longo prazo para consolidarse e recuperar todo o seu potencial”, explicou a líder do BNG. Entre as medidas a curto prazo, Pontón anunciou un Plan de rescate dotado con 28 millóns de euros con cargo aos orzamentos da Xunta de 2021 e, para iso, “presentamos unha emenda aos presupostos que será debatida o próximo luns no pleno do Parlamento”.

Ese Plan de rescate dotado estaría destinado a atender as urxencias máis inmediatas: gastos derivados de axendas e programacións canceladas, alugueiros, créditos, aportar ingresos que palíe a falta de salarios ou para afrontar gastos como as cotizacións sociais tendo en conta que a maior parte dos traballadores son persoas autónomas, microempresas ou cooperativas sociais.

Tamén nas medidas a curto, o BNG propón “reorientar” unha parte dos fondos destinados ao Xacobeo 2021, -que suman un total de 85,6 millóns de euros- e destinalos a apoiar aos sectores culturais galegos. E xa no medio prazo, a formación nacionalista aposta por incrementar os fondos orzamentarios destinados á cultura até chegar ao 1% nas contas de 2021, -algo que se conseguiría aceptando a emenda do Bloque do plan de rescate-, e ir a un incremento progresivo até acadar o 1,5% en dez anos.

Neste momento,  a contía para Cultura é de 95 millóns de euros, o que supón o 0,82%. Para ter unha idea da caída do investimento, en 2008 os fondos para o sector ascendían a 167 millóns de euros. “O incremento suporía poñernos en liña cos países do noso entorno, tendo en conta que, por exemplo, Portugal adica xa o 1,8% e Francia o 2,5%”, explicou Pontón, tras un encontro no que tamén participou a portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, e a concelleira na Coruña, Avia Veira.

“Temos talento, capacidade, potencial e non podemos deixar que a crise se leve por diante un sector que está nunha situación desesperada. O que propoñemos e apoiar con investimentos concretos e de xeito inmediato ao sectores culturais na súa desescalada, non só  polo que implica para un país a creación cultural, a consideración de ben público da cultura, senón porque representa tamén un sector económico capaz de xerar riqueza e emprego”, explicou Pontón. De feito, antes da pandemia, o sector aporta o 2% do PIB e xeraba o 3% do emprego, arredor de 30.000 postos de traballo.

A preguntas dos medios, Pontón lembrou que a posición do Bloque de cara aos terreos do porto interior da Coruña é, en primeiro lugar, que o Estado asuma a débeda do porto exterior, igual que fixo co porto de Valencia con consignación de 400 M€ para tal fin nos orzamentos de 2021, mentres que para o peirao coruñés non hai nada. “O Goberno central de PSOE-Podemos sigue a senda de discriminación con Galiza do Goberno do PP, cambian as caras pero mantense o agravio con este país”, denunciou.

En segundo lugar,  indicou que o BNG estará en contra de calquera proposta que supoña unha operación especulativa cos terreos do porto interior, unha vez se leve a cabo a desafectación. “Se esa é a proposta de Feixóo, estaremos en fronte”, recalcou, tras insistir en que a aposta nacionalista é por usos dotacionais e sociais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG