O BNG pon en marcha o comité asesor para a recuperación económica e social da Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Este comité de persoas expertas e diferentes ámbitos elaborará as liñas mestras do programa socioeconómico que o BNG vai propoñer á sociedade galega para superar o escenario deixado polo coronavirus

Ana Pontón: “A solución non está na austeridade e nos recortes, senón en reforzar o autogoberno, potenciar o sector público e promover a xustiza social”

Acusa a Feixóo de desprezar aos partidos políticos e “amordazar” ao Parlamento mentres usa a TVG como canle de propaganda: “actúa como un oportunista”

A durísima crise económica e social que trae consigo a pandemia non vai superarse coas vellas receitas do liberalismo, -baseadas no binomio austeridade e recortes-, senón cunha aposta clara polo público, pola xustiza social e, no caso de Galiza, reforzando o autogoberno para actuar en clave de país.

Con esta diagnose, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou o comité asesor do BNG integrado expert@s en distintos eidos, como os ex reitores das Universidades da Coruña e Vigo, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato; os ex conselleiros de Medio Rural e de Industria, Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco; integrantes do ámbito académico e da investigación como María do Carmo García Negro, Edelmiro López Iglesias, Bernardo Valdés, Anxo Calvo, Ánxela Fernández, María Xosé Vázquez, Mar Pérez Fra ou María de la Fuente; e referentes sindicais como Xesús Seixo.

Este comité asesor está coordinado pola avogada Ester Vázquez e polo académico Xosé Manuel Carril, e ten como encomenda elaborar as liñas mestras dun plan de reactivación socioeconómico que o BNG vai propoñer á sociedade galega para superar o escenario de crise derivado do COVID19.

“Un programa pensado desde a nosa realidade e desde cinco principios: defensa do autogoberno e dun sector público potente como motor de desenvolvemento económico e garante da xustiza social; impulsar o tecido produtivo galego; aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento; fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade e os servizos sociais, e enfrontar as consecuencias do cambio climático”, explicou a portavoz do Bloque.

Non se pode repetir o fracaso do “sálvese quen poida” da crise de 2008, senón que hai que apostar polo público, por defender o colectivo e a xustiza social e por entender os servizos públicos como medios para garantir dereitos básicos e non como espazo de negocio e de lucro. “Se a crise financeira do 2008 tivo como resposta dos gobernos o rescate da banca, na crise do coronavirus de 2020 a resposta ten que ser o rescate da economía produtiva, dos traballadores e traballadoras, o rescate das persoas, da economía real e dos servizos públicos”, sintetizou Pontón.

Estratexia propia vs recentralización

“Se queremos enfrontar con éxito o desafío económico que deixa a crise,-insistiu a líder do BNG-, hai que reforzar o autogoberno, porque a solución aos problemas non vai vir de Madrid, nin dunha visión centralista do Estado, senón deseñando unha estratexia de futuro propia, unha resposta galega. Galiza ten que ser un país con máis capacidade para decidir sobre si, con máis capacidade para facer que os seus recursos creen riqueza e emprego no país e cun goberno forte que interveña con decisión para asegurar dereitos e servizos públicos á sociedade. Nesa liña imos traballar no BNG”.

Pontón tamén denunciou o “secuestro” do Parlamento por parte do xefe do Executivo quen, mentres “amordaza” ao poder lexislativo, utiliza a televisión pública para facer “partidismo cutre” no medio dunha pandemia cando debería ter unha posición de leal colaboración coas forzas parlamentarias para sumar propostas e medidas a favor do país.

Anomalía democrática

“É unha situación moi perigosa en termos democráticos que Feixóo teña o Parlamento confinado, secuestrado, sen permitir o labor democrático de control e de impulso de medidas na Cámara”, denuncia Pontón, quen considera “moi grave que no medio dunha pandemia o presidente da Xunta teña amordazado ao Parlamento e use os medios públicos como canle de propaganda, mentres ignora sistematicamente as propostas dos partidos políticos. Só un oportunista actúa deste xeito no medio dunha pandemia en lugar de facelo desde a colaboración”, salientou.

A líder nacionalista salienta que mentres mantén o Parlamento pechado e mesmo ten bloqueada a Deputación Permanente, Feixóo utiliza a TVG como gabinete de comunicación do PP: “pregúntome porque pode comparecer 16 veces na TVG nun mes, e só unha vez no Parlamento que é a sede da soberanía popular?”, interpela. A “nefasta” xestión das residencia é un dos asuntos que ten motivada a petición de comparecencia urxente do presidente do Goberno por parte do BNG.

Axilidade na xestión das axudas

Desde o Bloque tamén se pide ao Executivo “axilidade” para tramitar as axudas vinculadas aos ERTEs, en lugar de limitarse a botar balóns fora como se carecese de competencias, e insiste en reclamar da Xunta axudas directas para os e as traballadoras por conta propia, en concreto, un pago de 2.000 € con cargo aos orzamentos autonómicos, medida compatible coas postas en marcha polo Estado.

No ámbito educativo, o BNG aposta por facilitar a promoción de curso en todos os niveis do ensino e por avaliar ao estudantado unicamente polos contidos impartidos até o momento en que se suspenderon as clases presenciais, para evitar que a fenda tecnolóxica prexudique ao alumnado con menos recursos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG