Organización

O BNG pon en marcha unha campaña en defensa de pensións dignas para os mariñeiros galegos

Montse Prado, Xavier Aboi e Daniel Rodas
Montse Prado, Xabier Aboi e Daniel Rodas
  • Contra a decisión do Goberno español de minorar coeficientes redutores da idade de xubilación para tripulantes, o BNG inicia unha campaña de actos públicos e presentación de mocións nos concellos do litoral e Parlamento Galego

Os traballadores do mar que desenvolven a súa actividade na pesca de altura e gran altura están a padecer, por decisión do Goberno español, un ataque contra o seu dereito á xubilación. Desde Madrid decidiron que aos tripulantes galegos non se lles apliquen os coeficientes redutores da idade de xubilación que existían até agora.

O Goberno español considera agora que todos os barcos menores de 70 m. de eslora e de arqueo inferior a 1000 TRB, que son a inmensa maioría da frota pesqueira galega (palangreira, cefalopodeira e de arrastre en augas internacionais...), pasan á categoría de “fresqueiros”. Isto é, que segundo eles, pasan a faenar preto de terra e descargar peixe fresco.

Así, pasan de aplicarlle aos tripulantes un coeficiente do 0,40, que estivo recoñecido até o 2015, a aplicarlle un do 0,25 a 0,35 en función do tamaño da embarcación. Esta decisión  implica que os traballadores verán aumentada a súa vida laboral. A decisión do Goberno español  representa unha  auténtica irresponsabilidade,   vulnera os  dereitos dos mariñeiros galegos e  provocará accidentes no mar ao elevar a idade das tripulacións.

Non teñen escrúpulos en utilizar cartos públicos para pagar á banca, mentres aforran eliminando o dereito dos mariñeiros a unha xubilación digna. O da pesca é un traballo duro, penoso e perigoso, que rexistra a maior sinistralidade mortal entre os sectores laborais.

O BNG emprende unha campaña social  para reclamar:

  1. A retirada desta decisión do Goberno español.
  2. Exixir da Xunta de Galiza un compromiso para demandar do Goberno español a retirada desta medida, tendo en conta que este problema afecta esencialmente a mariñeiros galegos embarcados nas frotas de altura e grande altura.

Coa campaña, baixo o  lema “Os mariñeiros galegos teñen dereito a unha xubilación digna”,o BNG  porá en marcha as seguintes accións:

  • Actos públicos do BNG e asembleas de explicación do problema.
  • Apoio ao proceso de mobilización promovido pola CIG.
  • Reparto de material gráfico do BNG en portos, lonxas e espazos nos concellos do litoral.
  • Presentación de mocións en todos os concellos do litoral e de iniciativas no Parlamento da Galiza. 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG