parlamento galego

BNG pon de exemplo o gromo na residencia de DomusVi en Vimianzo para evidenciar o modelo fallido e "privatizador" do PP

Daniel Pérez
Daniel Pérez
O deputado, Daniel Pérez preguntou ao goberno pola  incidencia da Covid na Residencia de Maiores, Domus Vi de Vimianzo que afectou á   totalidade das persoas usuarias e reclamou á intervención da Xunta

O deputado do BNG, Daniel Pérez formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre o gromo detectado na Residencia de Maiores, Domus Vi de Vimianzo que afectou á totalidade das persoas usuarias do centro, “150 afectados de 150 usuarios”.

Tras a intervención do director xeral de Atención Integral sociosanitaria, Antón Acevedo que coincidiu na diagnose do nacionalista e anunciou que xa existe un grupo de traballo para “repensar o actual modelo de residencias” co fin de non cometer os mesmos erros ante futuras pandemias, o deputado reiterou que o acontecido en Vimianzo é produto do “modelo privatizador de Feixóo”, modelo ao que o BNG mostrou a súa oposición antes da pandemia. O coidado dos nosos maiores, dixo, “non se pode mercantilizar e o actual modelo de xestión é un modelo falido”. Daniel Pérez insistiu na necesidade  dun novo modelo que coloque as persoas “no eixe central  das políticas públicas” reforzando  o seu carácter público e de proximidade.

Á pregunta do BNG sobre unha posible intervención da Xunta  na residencia, Acevedo eludiu responder. Pola súa parte, o nacionalista  destacou que a  escaseza de persoal obriga a auxiliares, enfermeiros, enfermeiras  e médic@s a transitar por  diferentes salas compartimentadas para evitar a propagación do virus, circunstancia que na súa opinión, “non ten moito sentido”. Para o deputado, o problema reside nas carencias de medios humanos e materiais  nos centros de xestión privada xa que “hai que pagar ao persoal e iso conleva a redución de beneficios”, remarcou.

 Os dous médicos que traballan a media xornada, polas tardes traballan noutra clínica privada en Carballo co conseguinte risco de contaxio e transmisión no centro, neste sentido,  destacou o “grande compromiso dos e das profesionais” que mesmo renunciaron ao período vacacional para incorporarse ante o segundo gromo. O deputado do BNG preguntou polos criterios da Xunta para intervir nunha residencia, cuestión que novamente quedou sen resposta por parte do director xeral de Atención Integral sociosanitaria.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG