MONTSE PRADO

A Xunta ten que garantir que o IES Illa de Tambo poida empezar o curso escolar con normalidade

IES Illa de Tambo
IES Illa de Tambo
As obras están obrigando ao persoal a xestionar as matriculas desde unhas mesas instaladas na beirarrúa, denuncia a deputada Montse Prado
A Xunta ten que garantir que o IES Illa de Tambo poida empezar o curso escolar con normalidade

O BNG levou ao Parlamento a situación de precariedade na que están a realizar o seu traballo os profesionais do IES Illa de Tambo en vésperas do inicio de curso escolar, literalmente con mesas na rúa, debido a unhas obras que se están a realizar no centro por parte da Consellería de Educación.

“@s profesionais que traballan no centro de ensino ao incorporarse ao traballo atopáronse coa sorpresa de que as obras que se tiñan que ter realizado non están rematadas e pode estar en risco o inicio do curso escolar, pese a que estamos a falar do centro de referencia en Marín para ensinanza da ESO e bacharelato e conta con arredor de  600 estudantes”, explica a deputada Montse Prado, autora da iniciativa rexistrada hoxe mesmo na Cámara.

O pasado 10 de maio, Educación e Ordenación Universitaria licitou unhas obras de rehabilitación integral do centro que consisten en melloras na eficiencia enerxética, renovación dunha sala de caldeira de biomasa, illamento da fachada, cuberta do ximnasio e substitución de fiestras.

A demora no inicio das obras tradúcese nesta situación de que a primeiros de setembro, nas probas de avaliación, varías aulas e o salón de actos estaban inaccesíbeis. O día 5 de setembro, a conselleira de educación, Carme Pomar, visitaba as obras do instituto e anunciaba que o máis molesto estaba rematado e o centro xa podía funcionar con normalidade.

Mais, como se pode comprobar na fotografía adxunta, non existe tal normalidade xa que este luns día 9 o persoal do centro tiña que colocar unha mesa na beirarrúa para poder xestionar as matrículas do alumnado, tras ser advertido de que non podería acceder ao centro pola manipulación de amianto.

“Parece obvio que a entidade das obras tería requirido que se tiveran iniciado antes ses e ter feito seguimento das mesmas para que foran a un ritmo que garantira que estiveran rematadas para o inicio de curso”, alega Prado, pero a escasos días do arranque do curso todo indica que vai ser imposíbel que se poida iniciar polo risco que supoñen as obras para a comunidade educativa así como a inviabilidade de convivir obras e labor docente.

Polas razóns expostas o BNG presenta unha batería de iniciativas parlamentarias para que o Goberno da Xunta tome as medidas precisas para que a falta de planificación na realización das obras do IES Illa de Tambo non signifique ningún prexuízo para a comunidade educativa, e garanta o inicio do curso escolar con normalidade para o alumnado.