O BNG pide a Xunta toda a documentación do contrato de 2,9M de euros do macrofestival do Xacobeo

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Denuncia a falta de transparencia desta adxudicación sen concorrencia competitiva nin publicidade, e pide “luz e taquígrafos” na xestión dos fondos do Xacobeo 2018

O BNG pide a Xunta toda a documentación do contrato de 2,9M de euros do macrofestival do Xacobeo

O BNG recorre ao artigo 9 do regulamento do Parlamento para reclamar á Xunta o envío inmediato á Cámara de toda a documentación relativa ao contrato de patrocinio que o Goberno galego, - a través da Axencia Galega de Turismo-, asinou por importe de 2,9 millóns de euros para a promoción en 2018 do Xacobeo 2021,“con total  falta de transparencia no proceso administrativo.

Desde o BNG, a portavoz parlamentaria de Cultura, Olalla Rodil, pide “que se explique por que se asinou un contrato por valor de case tres millóns de euros sen concorrencia competitiva nin publicidade algunha, e cales son os compromisos que se derivan deste patrocinio arredor do Xacobeo 2021”. En concreto, o Bloque solicita a remisión ao Parlamento dos pregos e de toda a documentación correspondente ao patrocinio asinado pola Axencia galega de Turismo, para coñecer as condicións da adxudicación e a que obriga ese patrocinio.

“Neste proceso detectamos unha falta de transparencia clamorosa que é absolutamente inadmisíbel nunha administración pública, e lembramos que de acordo coa Lei de contratos públicos a sinatura dun contrato por valor de 2,9 millóns de euros ten que estar debidamente xustificado. Neste caso, o Goberno galego nin sequera publicou os pregos que rexen o contrato”, denunciou Rodil.

Para o BNG con este proceder, “o PP volve aos peores anos da política cultural de Fraga”, pois mentres adica case tres millóns de euros a un macrofestival e seis concertos, “apenas aporta 300 mil euros en axudas para os festivais musicais de todo o país en 2018”, alegou Rodil.