O BNG pide á Xunta a supresión da relixión do currículo escolar

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil denuncia a obrigatoriedade do alumnado que opta por Antropoloxía, Robótica ou Coeducación a elixir Relixión católica para cumprir coa carga horaria obrigatoria

O BNG pide á Xunta a supresión da relixión do currículo escolar

A portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil pediu  á Xunta que modifique as cargas horarias das materias de libre configuración e inicie accións para suprimir a materia de Relixión no currículo escolar.

Na súa intervención, na comisión de Educación  e Cultura,  explicou que  a distribución horaria das materias de bacharelato recollida no Decreto 86/2015  estabelece o currículo de secundaria e Bacharelato, xunto coa carga horaria fixada para as materias de libre configuración autonómica que  alumnado  debe cursar, “dúas materias troncais de opción e mínimo  dúas  máximo de tres específicas”.

Tendo en conta que a relixión, dixo,  ten unha carga horaria dunha hora dentro das materias específicas e que  o estudantado debe  cursar como mínimo dúas desta modalidade, aquel que opta por Antropoloxía, Robótica ou coeducación, está abocado, en moitos centros galegos, a elixir Relixión católica aínda que o centro teña unha materia de libre configuración dunha hora.

A parlamentaria utilizou o exemplo dun estudante de 1º de BAC que elixe cursar como materia específica, debuxo artístico (3 horas) e Coeducación de libre configuración (2h) pero debe  elixir obrigatoriamente Relixión (1h) porque é a única específica dunha hora e non hai  outra combinación posible polo que asegurou, “estamos diante dunha situación que conculca os dereitos do alumnado que se ve obrigado a cursar unha materia en contra da súa vontade, unha materia  de carácter puramente confesional”.

No  curso 2019/2020 que comezará coa  oferta da materia Coeducación, esta situación chega a un extremo aínda máis perverso obrigando  ao  alumnado que quere formarse en perspectiva de xénero e feminismo a cursar a materia de Relixión, “materias asentadas en principios diverxentes e contraditorios entre si”.

Para o BNG o “ensino debe ser galego, público, científico, feminista e laico” e, polo tanto, calquera tipo de confesión relixiosa  debe quedar á marxe do ámbito público. A nosa posición é clara e taxativa, afirmou Rodil,  “profesar  calquera crenza relixiosa é unha cuestión estritamente privada e debe estar  fóra das aulas”.

Neste sentido, preguntou que medidas vai  adoptar a Xunta para que impedir que esta situación se manteña e se vai  iniciar accións para que  Relixión.

Trala resposta do director xeral de Educación, Manuel Corredoira,  a parlamentaria replicou que a consellería é coñecedora da situación. No  ano  2016  a CIG Ensino remitiu unha carta poñendo o acento na obrigatoriedade de cursar Relixión, única opción cunha carga lectiva dunha hora e  Xunta, reiterou  ten competencias para dotar o ensino de  materias de libre configuración doutra carga horaria ou ben “ofertar outra materia especifica dunha hora”.

A parlamentaria reclamou unha  reforma para que o estudantado non sexa obrigado a elixir Relixión, como materia específica, como única opción para cumprir a carga horaria obrigatoria.