parlamento galego

BNG pide á Xunta que actúe para evitar que se repitan os danos polo desmonte na parte alta da parroquia de Guillán en Vilagarcía

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reclama ao Goberno galego unha actuación proactiva ante unha actuación que “a todas luces non está dentro da legalidade”   

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que actúe para evitar que se repitan os danos causados polo enorme desmonte que se está realizando na parte alta da parroquia de Guillán, en Vilagarcía de Arousa, cun movemento de terras de grande dimensión realizado por parte dun promotor.

“Como é posíbel que se estea facendo unha actuación destas dimensións, con este movemento de terras e con estas afectacións sen que a Administración teña actuado para impedir os prexuízos graves que lle está ocasionando á veciñanza?”, reprochou a deputada Montserrat Prado, logo de amosar en distintas imaxes os danos causados por este movemento de terras na zona e para insistir a continuación na necesidade de que o Executivo galego interveña para obrigar a este promotor a cumprir coa legalidade e garantir a seguridade da contorna e da veciñanza.

Prado denunciou esta situación ante a comisión de Agricultura da Cámara, onde advertiu de que a veciñanza desta parroquia levan desde o inicio de 2021 vivindo diferentes episodios de riadas de lama e barro derivadas desta deforestación. Neste sentido, subliñou a preocupación de veciños e veciñas e da Comunidade de Montes polos desmontes que este promotor está levando a cabo nunha serie de parcelas que ten adquirido nas inmediacións do campo de fútbol de Berdón.

A deputada nacionalista cifrou a extensión destas parcelas en 20 hectáreas de superficie que, segundo recalcou, “pasaron de estar forestadas con arborado a estar totalmente deforestadas para preparar o terreo para destinar a extensión á plantación de viñedo” e alertou das consecuencias negativas desta plantación polo risco que supoñen as escorrentías de auga.

Así, recordou que a raíz das inundacións rexistradas en xaneiro -que causaron danos e capas de alma na vía, fonte, río e lavadoiro- o informe emitido polo Seprona logo da denuncia polo acontecido advirte de que se ben o promotor dispón de licenza municipal para limpeza e roza interior, o que se está executando, moi ao contrario, é un gran movemento de terras, modificando a orografía do terreo. O Seprona conclúe que esta é unha obra maior e requiriría de licenza urbanística, previa realización e presentación de proxecto técnico para a súa concesión, feitos que puxo en coñecemento ás autoridades competentes.

Prado reprobou que, pese a este informe coa constatación dos danos ocasionados sumado ao feito de que o desmonte non contaba con autorización, así como a repetición das riadas de lama, informada tamén pola policía local de Vilagarcía e que chegaron mesmo até a praia da Concha, a Xunta non realizou ningún tipo de actuación.

“A Xunta non está comprobando a magnitude das actuacións que se están realizando en tres parcelas iniciais que xa superan os 200.000 metros cadrados e ás que o promotor está sumando outras contiguas nas que tamén está actuando”, reprochou para pedir a intervención da Administración galega neste caso protagonizado por un promotor que, segundo recordou, xa protagonizou prácticas idénticas hai uns anos no concello de Portas “primeiro actuando e logo solicitando os permisos, que lle foron concedidos despois”.

“Emprazamos ao Goberno galego a que faga algo máis que fiarse dos papeis que lle entrega un promotor porque non se están correspondendo coa realidade”, reclamou, para engadir que “hai denuncias da veciñanza dende xaneiro, hai partes do Seprona, hai denuncias xudiciais, e cando isto é así e cando hai unha afectación clara á veciñanza, resulta necesaria unha actuación proactiva por parte da Xunta”. “Pedímoslles que interveñan ante unha actuación que a todas luces non está dentro da legalidade”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG