O BNG pide á Xunta que paralice o plan de transporte e negocie unha alternativa co sector

Luís Bará e  Mini
Luís Bará e Mini
  • Bará: “É preciso unha  mesa de negociación con luz e taquígrafos e non apaños en cuartos escuros como se fixo ata agora”
  • Considera que o plan actual provocará a desaparición das empresas locais de transporte e a perda de 1.000 postos de traballo

O BNG reclama que se paralice o Plan de transporte de Galiza e se inicie un proceso de negociación con todas as partes implicadas, -empresas de transporte, concellos, sindicatos e asociacións veciñais, entre outras-, creando unha mesa de negociación e diálogo “con luz e taquígrafos en lugar dos apaños en cuartos escuros e pola porta de atrás como se ten feito ata agora”.

O portavoz de Transporte e Infraestruturas Luís Bará criticou “a falta de transparencia e de información” por parte da Xunta, de tal xeito que mesmo os grupos políticos tiveron que enterarse pola prensa dos contidos do plan, “cando este tema da ordenación do transporte no país merecía que o propio Goberno comparecese na Cámara para informar”.

Bará reclamou na Cámara “un debate a fondo, co tempo e a transparencia que require un asunto desta categoría porque hai unha situación de alarma e de indignación tanto por parte das empresas como dos representantes laborais das persoas que traballan neste sector, a pesar da lei do silencio que o PP tenta impoñer”.

O deputado advertiu sobre “unha auténtica revolta que ten en pé de guerra aos distintos colectivos afectados, e iso que vostedes os teñen amedrentados”. Bará considera que, efectivamente, o modelo actual de liñas de transporte está “obsoleto” pero responsabiliza á Xunta “por telo alimentado durante décadas concedendo as liñas en base a intereses particulares”.

“Agora actúan con presa e as escuras”, tras a sentenza do Tribunal Supremo, “improvisando coa lei de 2016 e coa lei de acompañamento e agora veñen os parches e as chapuzas”. Pese a propaganda e o fume que pretende “vender” a Xunta, “a realidade é que só queren ganar tempo para no incomodar aos concellos do PP de cara aos comicios locais de 2019, porque saben que ocasionarían unha revolta se lle din aos usuarios e usuarias que van quedar sen liñas de transporte”.

Bará advirte que este plan non é máis que “un campo de probas”, como paso previo a unha reestructuración do sector “que abrirá a porta ás grandes empresas en réxime de monopolio”.

Así, lembrou, dúas multinacionais xa adquiriron empresas do sector “o que destruirá todo o tecido produtivo das pequenas e medianas empresas do país que, efectivamente tiñan que ir a un proceso de modernización, pero non a esta laminación e destrución que conlevará unha masiva destrución de emprego, cando menos 1.000 postos de traballo segundo anuncian os sindicatos, ademais da precarización laboral debido as condicións draconianas nas que a Xunta sacou a concurso a licitación de lotes de explotación”.

De feito, as empresas do sector denuncian reducións de ata o 40% do orzamento co que agora contaban as concesións das liñas. “Estamos ante unha operación de fondo con dúas claves, a do oportunismo electoral e a de mercado, que conlevará unha concentración do poder económico en poucas mans neste caso no sector do transporte”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG