Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta que mellore o protocolo de actuación ante casos de acoso laboral na Administración galega

Luís Bará
Luís Bará
Bará destaca que falta formación específica para a detención e tratamento destes casos e considera negativo ter ampliado o prazo de investigación

O BNG considera necesario que a Xunta mellore o protocolo de actuación para facer fronte ás denuncias por acoso laboral na Administración pública que, segundo o deputado Luís Bará, debe pasar por mellorar a formación específica das persoas responsables de detectar e atallar os casos de acoso e axilizar todos os procedementos de investigación tras a denuncia para acortar os tempos de espera que soporta sobre todo á persoa denunciante.

Bará salientou na súa intervención na comisión Institucional que é preciso a “revisión” do protocolo para evitar as demoras na investigación ao tratarse de cuestións de moita gravidade. “O tempo medio de catro meses parécenos excesivo dada a gravidade das situacións e hai que tender a reducir eses prazos. Até hai un caso no que se tardou cinco meses en admitir a trámite a denuncia, un retraso escandaloso”, indicou o deputado nacionalista.

É preciso ser áxil, -recalcou-, “e por iso pensamos que é negativo que se tivese ampliado de un a seis meses o período de investigación previsto inicialmente no protocolo de casos de acoso laboral”, explicou Bará, quen reclamou a realización dunha memoria anual que se traslade aos grupos parlamentarios, e que se poña en marcha “unha estratexia de sensibilización e tamén de formación entre o persoal da Administración pública como xa se recolle no protocolo de actuación”.

O BNG tamén considera necesario habilitar medios para unha rápida corrección de situacións que podan favorecer o acoso, e reclamou que o protocolo de actuación se estenda a aquelas áreas da Administración que agora non están cubertas, como o ámbito da xustiza, a sanidade ou a educación.

Igualmente, Bará reclamou á Xunta protocolos diferenciados do acoso laboral, o coñecido como bulling, do acoso sexual; que se tomen medidas preventivas desde que medie a denuncia até que se produce unha resolución da mesma, “porque hai que ter en conta que moitas veces a  persoa que denuncia vese obrigada a compartir espazo de traballo coa persoa que presuntamente exerce o acoso”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG