O BNG pide á Xunta a intervención das residencias privadas para blindar ás persoas maiores usuarias destes centros

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil: “Non se trata de actuar a remolque dos feitos, senón de anticiparse aos problemas para non repetir os erros da primeira onda da pandemia”

O BNG rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que insta á Xunta a intervir de xeito inmediato todas as residencias privadas de maiores ao tenor do que está a suceder en moitos destes centros, mesmo con persoas residentes falecidas tras  infectarse de COVID19 e con casos de contaxios masivos.

A formación que lidera Ana Pontón demanda do Goberno de Feixóo que non se repitan os erros dos meses máis duros da pandemia, con consecuencias tráxicas para as persoas maiores usuarias das residencias, senón que por contra tome a iniciativa en lugar de actuar cando a situación está fora de control, e co obxectivo de blindar ás residencias garantindo a aplicación estrita dos protocolos.

“Esta iniciativa persegue garantir o cumprimento escrupuloso dos protocolos e das medidas asistenciais e sanitarias das persoas usuarias, porque non pode ser que a Xunta chegue tarde e que actúe a remolque dos acontecementos, ten que anticiparse porque hai moito en xogo”, salienta a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

Para a deputada por Lugo, “non se pode improvisar nin ir por detrás dos problemas,  é necesario que o Executivo de Feixóo se anticipe para evitar situacións como as que se están a producir na residencia San Rosendo do Incio ou na DomusVI de Outeiro de Rei”, alega. De feito, nesta última o 75% das persoas usuarias están contaxiadas, o maior gromo da COVID-19 rexistrado en Galiza nunha residencia desde que se decretou a pandemia sanitaria o pasado mes de marzo, mentres que no centro do Incio faleceron desde o 20 de agosto 14 persoas.

Hai que lembrar que as residencias de maiores foron durante os primeiros meses da pandemia un dos principais focos de contaxio da COVID-19, de feito, case a metade das persoas falecidas en Galiza con coronavirus (297) eran usuarias das residencias. No país hai máis de 380.000 galegos e galegas maiores de 70 anos, e pese a que pese a que menos de 25.000 maiores residen en algunha das 223 residencias, case todas privadas, este colectivo soportou case un 50% das vítimas mortais.

Comisión de investigación e novo modelo

Para a formación nacionalista resulta inadmisible que o Goberno do PP siga instalado no mesmo modus operandi en relación ao coidado das persoas maiores nas residencias, pese ao sucedido na primeira ola de COVID19, “en lugar de aprender dos erros cometidos”, -subliña Rodil-, “por iso desde o BNG insistimos na creación dunha comisión de investigación parlamentaria para coñecer que pasou e corrixir aquilo que non está a funcionar”.

Ademais, o Bloque tamén aposta por abrir un debate “profundo e de fondo” sobre o modelo de residencias que actualmente hai en Galiza, maioritariamente privatizado, para camiñar cara un modelo de xestión pública no o dereito a unha vellez digna non sexa convertido en obxecto de lucro e de negocio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG