parlamento galego

BNG pide á Xunta que interveña contra a deslocalización dos postos de traballo de Naturgy

Concentración Naturgy
Concentración Naturgy

Noa Presas critica que a empresa, con 1.026 M€ de beneficios no 2020, anuncie a deslocalización dos postos de traballo  no medio dunha pandemia e unha crise sanitaria e económica sen precedentes

Pide ao goberno que rectifique e exerza o seu poder político para defender aos traballadoras e traballadores da eléctrica

A portavoz en materia de industria do BNG, Noa Presas preguntou ao goberno que medidas van tomar ante o anuncio de Naturgy sobre a deslocalizacións de postos de traballo fóra de Galiza. Presas pediu á Xunta que “exerza o seu poder político” e interveña contra a decisión da empresa  eléctrica.

A nacionalista lembrou que hoxe mesmo, as traballadores e traballadoras de Naturgy concentráronse nas inmediacións do Parlamento galego despois de dous días camiñando dende A Coruña para reclamar unha solución contra a deslocalización dos seus postos de traballo. Hoxe, dixo a deputada “as decisións de Naturgy son un problema pero vostedes son parte dese problema”.

Presas lembrou que a empresa, con 1.026 millóns de euros de beneficios no ano 2020 e nun contexto de pandemia e crise económica social, sanitaria e económica sen precedentes, anuncia unha deslocalización que é o reflexo do modelo industrial da Xunta, “mirar para outro lado mentres Galiza perde”.

O tres de febreiro, Naturgy daba un paso máis e coñecíase a intención de deslocalizar a Madrid o Centro de Operación de Redes da Coruña, mentres Naturgy aspira a obter copiosas contías en MW eólicos e diferentes medidas de impulso dunha transición enerxética decidida nos despachos do IBEX 35.

No ano 2013 Naturgy levou fóra a comercializadora de mercado libre (UFC) coa perda de 103 postos de traballo tamén na Coruña e no ano 2019, despois de anos de mobilizacións por mor da baixada na carga de traballo, en agosto de 2019 consumábase a rescisión do contrato de Naturgy coa empresa Teleperformance, na Coruña, que no ano 2012 supuña arredor de douscentos postos de traballo. Máis adiante, en outubro de 2020, aproveitando a pandemia, “Naturgy volveu reducir estes servizos”.

 Esta mesma situación de desmantelamento respecto da atención ao cliente e outras xestións básicas da comercialización sufriuse en Unitono Ourense, despois de varios anos de mobilizacións e de denuncia da perda de funcións e carga de traballo. En novembro de 2019 as persoas usuarias de Naturgy deixaron de ser atendidos desde Ourense para facelo desde Reus ou Colombia ao que sumou a deslocalización do centro de operacións de Iberdrola da bacía do Sil na Rúa.

A Xunta non anuncia ningún compromiso cas traballadoras e traballadores

Tras a resposta da directora Xeral de Planificación industrial, Paula Uría, a deputada do BNG replicou que a estas alturas xa “non serve dicir que a Xunta está en desacordo coa decisión da eléctrica” porque vostedes “son goberno” e teñen capacidade para actuar e negociar o máximo emprego posible”. Por outra parte, a deputada criticou a alusión de Uría ao marco de diálogo, xa que en opinión da deputada, “ Naturgy rebentou ese diálogo pola vía dos feitos”.

A Xunta ten moito interese en que os traballadores e traballadoras asinen a proposta de acordo pero a realidade é que o comité non está formado só por dúas forzas sindicais, nin tres traballadores. O comité “non avala” unha proposta porque non garante as condicións económicos nin o retorno. Si Galiza produce enerxía e Narurgy obtén 1.000 millóns de euros de beneficios despois de espoliar os nosos recursos, o lóxico, apostilou a deputada,  é un retorno económico xusto e “non as migallas” que ofrece a eléctrica.

Para o BNG, a Xunta actúa de “testaferro da empresa”, a pesar de que pode intervir e defender aos traballadores e traballadoras. Sen ir máis lonxe, explicou, estamos nun momento de expansión do sector eólico e non existe ningunha normativa estatal ou europea que impida á Xunta a que as novas concesións e os servizos ao cliente estean radicados en Galiza”.

Noa Presas lamentou que a directora de Planificación Industrial non anunciara ningún compromiso do goberno para evitar a des localización de postos de traballo do centro de operacións de Naturgy na Coruña.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG