Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta cursos de formación para dotar as explotacións agrarias de persoal cualificado

  • Mini salienta a importancia estratéxica de apostar pola I+D+i para darlle futuro ao rural

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou ao goberno galego cursos de formación para dotar de persoal cualificado ás explotacións agrarias tanto a nivel de produción como de xestión, porque hoxe é máis certo que nunca “que non calquera se pode adicar ao campo”.

“Hai un nicho de traballo en explotacións punteiras que precisan persoal cualificado e especializado. Por outro lado estamos a falar de xestores de empresas que non están capacitados. Esta problemática xurde da modernización e dos novos tempos do rural”, explicou Rivas, quen pediu da Consellería de Agricultura “interlocución co sector para poñer a súa disposición recursos de formación específicos tanto a nivel técnico como de xestión”.

O deputado do Bloque tamén puxo o acento en apostar pola I+D+i para garantir o futuro do medio rural, “que precisa recursos, investigadores e intencionalidade política” e, neste sentido, solicita da Xunta un Plano estratéxico de innovación no medio rural, que debe estar elaborado no presente ano, “debidamente orzamentado, con propostas concretas en investigación, formación, transferencia e innovación agraria”.

Rivas considera imprescindible investir en investigación e desenvolvemento para “a sustentabilidade económica, social e ambiental das explotacións agrogandeiras e das pequenas e medianas industrias agroalimentarias de Galiza” e, para iso, deben xogar un papel fundamental os centros de investigación e os centros de formación e experimentación agroforestal da Consellería de Medio Rural.

“Se queren que este sexa o ano do rural, poñan toda a carne no asador”, concluíu o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG