parlamento galego

BNG pide á Xunta que consensúe coa comunidade educativa os medios necesarios para un plan de ensino virtual eficiente

Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo denuncia que o plan de Educación non resolve os problemas reais de profesorado e alumnado, “só a papeleta ao conselleiro”     

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que consensúe de xeito inmediato coa comunidade educativa os recursos humanos e materiais necesarios para levar adiante un plan de ensino virtual que garanta o dereito ao ensino de todo o alumnado durante a pandemia, iniciativa que non prosperou polo veto do PP.

Así o defendeu o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, logo de advertir que as cifras sobre a incidencia da COVID nas aulas evidencian que o Executivo galego “non habilitou as ferramentas necesarias para levar adiante o plan de ensino non presencial” que tanto alumando como profesorado están a demandar. “Boa proba desta improvisación son as declaracións do propio conselleiro o este pasado día 1 nas que aseguraba que o número de docentes acreditados para o ensino virtual se incrementaba en máis de 8.000 en menos de 24 horas”, criticou.  

Lourenzo enumerou as eivas do plan de ensino virtual presentado polo Goberno de Feixóo, que non da resposta entre outras cuestións, ao alumnado en corentena. Falta de equipos informáticos, problemas de conectividade nos centros e profesorado “triplicando esforzos” para poder dar resposta ás esixencias da consellería son algúns dos problemas aos que, segundo recalcou, se enfronta a comunidade educativa e seguen sen ser resoltos. “Estamos a falar de que en centros de ensino secundario non se poden conectar a unha videoconferencia máis de dous alumnos e alumnas á vez ou de aulas de bacharelato nas que non se pode seguir unha actividade virtual”, denunciou.

O deputado nacionalista criticou que o plan chegara sete meses despois do inicio da crise, presentado como folla de ruta “para blindar a calidade” da educación en Galiza en “apenas tres páxinas”, con instrucións nas que “se sobrecarga de burocracia” ao profesorado e ás direccións dos centros e cos “horarios espello” como solución. “Un delirio imposible de realizar”, recriminou, para lembrar que se lle exixiu á comunidade docente a elaboración de horarios espello e un plan de continxencia en sete días, “o que a Xunta non fixo en sete meses”.

Lourenzo explicou que seguen sen resposta os problemas de formación do profesorado sobre ensino online, aulas virtuais e plataformas de interactividade, e que aínda hoxe segue sen aprobarse a partida orzamentaria para equipos informáticos. “O plan non veu resolver os problemas reais da comunidade educativa; o único que resolvía é a papeleta ao conselleiro para poder dicir que o tiña presentado”, afeou, para concluír que, por iso, é preciso o consenso proposto na iniciativa, dado que “queda moito curso por diante e tamén queda pandemia, e temos que levar adiante un plan de ensino virtual que garanta o ensino, tanto a alumando como a profesorado, durante a pandemia”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG