parlamento galego

BNG pide á Xunta compensacións se o Estado non elimina os impostos polo traspaso familiar de explotacións agrarias

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira empraza ao Goberno galego a actuar fronte a un tratamento fiscal que desincentiva o relevo xeracional no sector e no rural galego

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que faga valer a realidade das explotacións galegas diante do Ministerio de Facenda para evitar a desincentivación da súa continuidade no medio rural polo cobro de impostos no traspaso de explotacións entre familiares de ata segundo grao de parentesco e que, no caso de que o Estado non deixe de aplicar esta tributación, arbitre medidas compensatorias para evitar que isto resulte lesivo no inicio da nova actividade das explotacións afectadas.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Agricultura, a portavoz de Desenvolvemento Rural afeou ao Goberno galego a súa posición pasiva ante este tratamento fiscal do Estado e instouno a “poñer toda a carne no asador” para conseguir que o Executivo central reverta esta situación e que o pago de impostos “non supoña un atranco para que se manteñan funcionando as explotacións familiares”.

“É o Goberno galego suficientemente consciente de que a pervivencia e recuperación do rural galego pasa por dar apoio ás mozas e mozos e para iso as transferencias de explotacións entre pais e fillas ou netos e netas non poden pagar impostos ou de pagalos deberán ser compensados dende a Xunta?”, cuestionou, logo de advertir que “o rural, para fixar poboación nova, ten un atractivo telúrico, porque do resto todo son atrancos”.

Aira recordou que o Tribunal Económico-Administrativo de Galiza (TEAR-G) resolveu considerar como unha ganancia patrimonial para nais e pais a cesión da súa explotación aos seus fillos e fillas e, polo tanto, segundo as normas estatais, deben tributar por isto. Sen embargo, tamén lembrou un ditame anterior do mesmo tribunal a favor de que non tributara diante da Axencia Tributaria o traspaso entre cónxuxes en réxime de gananciais, o cal se entendeu como favorecedor de igualdade e do relevo entre persoas que tiña por fin manter unha explotación en uso e con rendemento.

Neste sentido, indicou que o BNG entende que “nos traspasos entre familiares non promedia intercambio económico de ningún tipo”, senón que, ao contrario, posibilita a continuidade das explotacións, xera ocupación e contribúe ao PIB galego. “Estes gravames fiscais non só desincentivan este traspaso, senón que tamén lastran o despegue da explotación, xa que eses recursos non poden ser destinados á mellora das instalacións ou a outro tipo de investimentos”, explicou para concluír emprazando á Xunta a realizar as xestións necesarias ante o Estado co fin de eliminar este gravame ou, no caso de manterse, articular medidas compensatorias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG