O BNG pide á Xunta e ao Goberno central que actúen para garantir os postos de traballo e a actividade de ALCOA

Concentración na Coruña
Concentración na Coruña
Xosé Luís Rivas reclama a “nacionalización da factoría” e advirte que o peche provocará un golpe letal á industria galega
O BNG pide á Xunta e ao Goberno central que actúen para garantir os postos de traballo e a actividade de ALCOA

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas participou hoxe na concentración, ante a Subdelegación do Goberno,  convocada polos  traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, antiga Alcoa, para reclamar unha investigación da venda da factoría ao grupo Riesgo e demandar unha solución ante a ameaza dun posible peche da factoría electrointensiva.

Rivas, xunto a candidata nº 3, Mercedes Queixas e a concelleira nacionalista, Avia Veira,  trasladou  o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras de Alcoa . O candidato do BNG exixiu   “a nacionalización da empresa e abrir unha  investigación rigorosa da venda ao Grupo Riesgo”,  venda que cualificou  de “trapicheo de fondos voitre” que  actúan “ás agachadas e non cumpren nunca cos seus compromisos”.

Xosé Luís Rivas  instou á Xunta  e ao Ministerio a actuar “con rapidez” porque están en risco medio millar de postos de traballo en Alcoa Coruña aos que se sumarán  os de San Cibrao pendentes do anuncio hoxe do seu peche.

Para o nacionalista, resulta “inadmisible” que a Xunta permaneza “desaparecida” no conflito mentres os traballadores levan meses reclamando unha solución nas rúas. Para a industria galega, dixo, a situación de ALCOA é un golpe letal e dende o BNG non imos tolerar que se peche.

Rivas  lembrou que Alcoa recibiu importantes axudas públicas e agora  en plena crise da COVID-19  anuncia a súa  intención de pechar a factoría de San Cibrao e o mesmo pode acontecer co centro da Coruña polo que volveu a reclamar a “intervención urxente” da Xunta e do Ministerio para responder ás demandas dos traballadores e traballadoras. É necesario para a industria galega manter a actividade e os postos de traballo en ALCOA porque o seu peche provocará  consecuencias económicas e sociais demoledoras para a comarca da Mariña e a Coruña.

 

O BNG pide á Xunta e ao Goberno central que actúen para garantir os postos de traballo e a actividade de ALCOA