O BNG pide á Xunta e ao Estado a intervención pública de Alcoa se naufraga a venda a Parter

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón atribúe á incompetencia de ambas administracións o “espectáculo vergoñento” da fin de semana, e pídelles responsabilidade para buscar unha solución que garanta o emprego e a produción

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou “a máxima preocupación” pola situación de ALCOA despois do “espectáculo vergoñento” desta fin de semana, que deixa no aire a opción de venda ao fondo de investimento PARTER.

“Son 400 familias pendentes dun fío ante unha Xunta de Galiza e un Goberno central que non estiveron á altura”, indicou en rolda de prensa, “e o que vimos esta fin de semana fala da incompetencia política de ambos que están poñendo en perigo non só centos de empregos senón tamén un sector estratéxico como é o da produción de aluminio”.

Por iso, o Bloque fai un chamamento “para que se tomen en serio o futuro de ALCOA e se poñan a traballar porque ambas administracións teñen responsabilidades e estamos na conta atrás”. Pontón sinala que só hai dúas solucións: ou se consolida a venda a PARTER, -garantindo o emprego e con perspectivas de futuro-, ou en caso contrario o BNG insiste na opción da intervención pública.

“Non se pode permitir o peche e a intervención é nunha solución legal que nin Goberno central nin autonómico poden desbotar para garantir que a planta segue funcionando na Coruña”, recalcou, “é unha responsabilidade que teñen sobre a mesa e nin a Xunta nin o Executivo do Estado poden seguir xogando co futuro deste país”.

Pontón tamén reiterou a súa sorpresa polo feito de que ningún deputado ou deputada electa por Galiza teña vinculado o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno ao feito de encontrar unha solución de futuro para a factoría de ALCOA, que interpreta como unha mostra máis da irrelevancia política a que conducen a este país as forzas estatais. E volveu pedir que poñan os intereses de Galiza por riba das conveniencias partidistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG